Luar na Lubre presenta este sábado en Vigo o seu último disco, 'Solsticio'

O teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo acollerá este sábado ás 20.30 horas o concerto de presentación de 'Solsticio', o undécimo traballo discográfico de Luar na Lubre.
Este traballo mestura temas máis típicos con outros que presentan un son totalmente novo no repertorio deste grupo, que cumpre xa un cuarto de século sobre os escenarios. Así, se mesturan as raíces con melodías innovadoras, nas que a zanfona comparte espazo coa guitarra eléctrica.

'Solsticio' reúne 15 temas que abranguen diferentes ámbitos temáticos e de estilo, dende a música popular ata a relixiosidade das melodías medievais, e que reflicten a sofisticación progresiva de Luar na Lubre dende o seu nacemento ata a actualidade.

Esta banda obtivo fama e recoñecemento internacional grazas á súa colaboración co músico Mike Oldfield en 1996. Así, o artista británico incluíu unha adaptación do tema 'O son do ar' no seu álbum 'Voyager', e invitou ao grupo a participar na súa xira mundial.

As entradas para o concerto deste sábado están á venda en Internet, a través de www.servinova.com, e na taquilla telefónica: 902.504.500.

Te puede interesar