Máis de 30 entidades participarán nunha mesa de debate sobre a situación do deseño galego patrocinada por Agadic

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) patrocinará unha mesa de debate sobre a situación do deseño galego industrial e gráfico na que participarán máis de 30 empresas do sector.
Baixo o título 'Radiografía do deseño galego', a mesa está organizada pola Asociación Galega de Deseñadores (AGD) e terá lugar este venres día 6 no Centro Galego de Arte Contemporáneo de Santiago.

O público poderá acceder libremente a esta cita na que participarán profesionais e docentes nun debate aberto sobre as experiencias e as perspectivas dun deseño feito en Galicia ou por deseñadores galegos. Ademais, dende o apartado 'Acción DAG', mostraranse distintos proxectos para a súa posta en valor e promoción.

A través desta convocatoria aberta preténdese iniciar un novo espazo para mostrar proxectos e convertelo nun referente para as empresas, institucións, estudantes e calquera persoa interesada no deseño e na cultura en xeral.

Te puede interesar