Manuel Lorenzo González gaña o XXIX premio de novela longa 'Blanco Amor'

Manuel Lourenzo González gañou a XXIX edición do premio de novela longa Eduardo Blanco Amor, organizado polo Concello de Santiago e dotado con 12.020 euros.

O xurado valorou 'a cantidade e a calidade xeral das obras presentadas', informaron fontes municipais nun comunicado.

Presentada baixo o lema ATL, a novela de Manuel Lorenzo González foi destacada polo xurado pola 'coherencia do universo literario empregado', así como a 'intriga' que desenvolve a trama, 'ben doseada' e que 'consegue captar a atención do lector'.

O mundo futuro no que se desenvolve resulta sólido e sen estridencias', engade o xurado, que subliña que a obra 'se ocupa dos problemas da identidade e o sentido da vida que son manexados de maneira eficaz'.

'O dinamismo da historia, a narración entretida e áxil e a credibilidade do futuro no que nos sitúa', foron valores apreciados polo xurado para escoller a ATL como a novela gañadora da vixésimo novena edición do Premio Eduardo Blanco Amor.

Manuel Lorenzo González é licenciado en Pedagoxía, profesor de Lingua e Literatura Galega no instituto Torrente Ballester de Pontevedra, e obtivo varios premios como o Xerais de Novela, Pedrón de Ouro, Carvalho Calero, Café Dublín, García Barros, Narrativas quentes e Merlín, en narrativa; O Facho e Estornela, en teatro, e máis recentemente o Premio de Literatura Infantil Barco de Vapor.

Te puede interesar