Manuel Manquiña recibirá o premio Pedigree 2013 na décima edición do Festival de Cans (O Porriño)

O actor vigués Manuel Manquiña recibirá o Premio Pedigree 2013 na décima edición do Festival de Cans (O Porriño), que se celebrará do 22 o 25 de maio, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e ao seu labor de apoio ao sector audiovisual galego.
O premio, que lle será entregado nun acto o próximo 24 de maio, recoñece a carreira deste actor de cinema, teatro e televisión, así como o seu compromiso de apoio aos novos cineastas e a súa aparición en producións modestas. Ademais, Manquiña, ao igual que os seus precedesores galardoados -'Morris', María Pujalte, Ernesto Chao, Xabier Villaverde, Chete Lera, Antón Reixa, Luis Tosar, Celso Bugallo e Mabel Rivera- deixará a súa pegada no 'Torreiro das Estrelas'.

Na edición de 2013, o Festival tamén homenaxeará o equipo da serie da TVG 'Era visto!', polo seu apoio e difusión do evento. Así, os seus organizadores agradeceron que a xa famosa silueta de can amarelo de Cans estivese 'ben visible' no 'bar de Puskas', un dos escenarios da serie. Por iso, o Festival de Cans entregará o 'chimpín de prata' aos guionistas.

Así mesmo, tamén se premiará con 'chimpines de prata' a varios veciños de Cans que, en 2004, prestaron desinteresadamente as súas casas durante a primeira edición do Festival. Trátase de Aurelia Fortes e Juan José Carpintero, Jesús Giráldez e Carmen Saavedra, Carmen Fortes e Miguel Bugarín, e Carmen Pérez e Juan García.

Te puede interesar