CULTURA GALEGA

A Mesa rexeita a designación de Filgueira para o Día das Letras

A organización pide movilizacións para que o 17 de maio siga sendo 'unha xornada de reivindicación da lingua galega'

A Mesa pola Normalización Lingüística rexeitou onte dedicar o Día das Letras Galegas de 2015 a Xosé Filgueira Valverde por ser un "insulto" a "todas as persoas que padeceron con exilio, prisión ou morte a defensa da lingua e da cultura galegas".

Neste sentido, A Mesa condenou que unha persoa como Filgueira Valverde, que "destacou por formar parte da estrutura do réxime franquista" como "alcalde de Pontevedra e como procurador nas Cortes", vaia ser homenaxeado o 17 de maio de 2015, segundo indicou A Mesa nun comunicado. "Non pode ser obxecto de homenaxe, precisamente por ser un réxime que dirixiu os seus ataques máis feroces contra a lingua e a cultura galegas, con consecuencias que, en boa medida, padecemos na actualidade,", sentenciou o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

"Dedicar alegremente o 2015 a unha persoa coa súa traxectoria é un insulto a todas as persoas que, nas peores circunstancias imaxinables, fixeron todo o posible para dignificar a lingua galega", sinala o presidente da institución, que remarcou que algunhas persoas "mesmo pagaron" esta actividade "coa "prisión, o exilio ou a morte". "E é, polo tanto, un insulto tamén para as persoas que hoxe seguimos traballando para que a lingua galega recupere os espazos que lle foron roubados", resaltou.

Por todos estos argumentos, A Mesa chamou á sociedade galega e a todas as organizacións en defensa da lingua e a cultura de Galicia a que se "organicen" para que o Día das Letras Galegas siga sendo "unha xornada de reivindicación" do galego. "Como ata agora", apostilou Maceira, antes de demandar que a Real Academia Galega "rectifique o erro cometido" ao elixir a Filgueira Valverde.

Te puede interesar