ARTE ET ALIA

O mundo de Iván Prieto

Fátima Otero, curadora, e Iván Prieto, artista.
photo_camera Fátima Otero, curadora, e Iván Prieto, artista.

Fátima Otero, como curadora, e Iván Prieto, artista, presentan na Sala Alterarte do Campus da U. Vigo en Ourense a octava mostra de “Estado Crítico”. Eles camiñaron xuntos para dispor a súa proposta artística da sala universitaria, parte independente dun proxecto global do Dr. Xosé Manuel Buxán, da Facultade pontevedresa de Belas Artes. Eis a cuarta edición de “Estado Crítico. 15 Comisarios e Comisarias e 15 Artistas”, programación que co remate verá a luz nunha publicación conxunta. O que convén salientar a fin de que público e mass media teñan idea cabal da oferta desta sala de dimensións semellantes ás dun salón de vivenda, un reto con perfil transcendente. Nela está “Humano”, exposición que resume a traxectoria artística do artista, e tamén das súas teimas e vida. Porque nas obras hai moito del, mais aproveitando a capacidade transmutadora da arte sabe poñerse fora delas: rostros con ollos pechados/cegos que falan dende os seus apósitos, gotas como lágrimas, orellas de coello como testículos, ou tocados ornamentais con mans, paxaros ou patos. Dende o concepto de busto largo, como o cinematográfico plano americano, ou curto, que abrangue o rostro, as súas estrambóticas figuras cerámicas de vistosas cores, cos que se ten expresado con amplitude, sendo incluído en “Pensar coas mans”, 2019, exposición da Cidade da Cultura/Compostela centrada nos artesáns da xoiería, xoiería e cerámica de Galiza. Eis un artista de amplo abano do Barco de Valdeorras (n.1978), onde ten a casa-estudo, e fai as esculturas cerámicas. Aquí pasa tempadas, creando no medio do silencio, logo de ter vivido en Lugo, Berlín e máis recentemente en Areyns de Mar (Catalunya), que teñen ido deixando pouso na súa arte. Esta ten a áncora na súa terra, tan híbrida de seu, tanto na orografía como no idioma. Así é tamén a súa arte. Nela fala con resina de poliéster, para as instalacións e obras de gran formato, e vai amodo co metal. Os collages, e a ilustración son facianas complementarias coas que conecta con outros mundos creativos.

Algunas de las obras de Humano

Un deles é a moda e as fashion victim, que as Amolachadas reflicten, coas súas formas flou, tralas que agachar imperfeccións físicas. Apareceulle asma na capital alamana, e do afogo naceron os Inchables, cabezas con tapón, o pensamento baleiro noutra lectura. Con elas, unha paleta cromática/monocroma segundo os temas. Estes eran distintos cando a exposición retrospectiva de Ourense no Centro Cultural dos seus primeiros dez anos, 2010, época na que se expresaba con escenografías de grandes pezas. Comezou a expoñer en 1997, licenciándose en 2002 na Complutense e ampliando estudos en Utrecht (Países Baixos). Ten feito mostras en Mannheim e galerías de Berlín (Alemaña) e Wroclow (Polonia). Nesta comeza a afondar no tema de Ícaro, obras que agachan unha desilusión persoal, ou Esmagoados, 2015. Mais nelas hai un xogo con ironía e humor. Son boias do seu currículo os premios “Parque del Buen Retiro”, Madrid, ao artista menor de 25 anos, o das artes de Vilnius, Lituania, e “Galiza Crea” en 2007, ao pouco de iniciar a expoñer, sendo das primeiras a do Espazo do Correo Gallego, Compostela, 2005.

Te puede interesar