A bolboretiña do día | O xoio e a "cizaña"

Unha palabra que vén da Biblia é “cizaña”. Seica é forma aramea e chega a latín e grego, directamente dos Evanxeos, dunha parábola de Cristo contrapondo o “trigo” que sementaría o home bo coa “cizaña” que sementaría o ruín. Esa mala herba xa existía en Roma co nome de “lolium” de onde derivaron, joyo en castelán, joio en portugués e xoio en galego. En castelán joyo viuse varrida desde o século XVI  pola forma bíblica, tan creativa (meter cizaña, encizañar, etc.) e algo parecido fixo en galego, aínda que “xoio” seguiu algo viva entre nós na toponimia, nos dicionarios e na fala dalgún vello que aínda coñece a planta.  Nos dicionarios portugueses aparece “cizania” como sinónimo culto de “joio”, cousa semellante ao que aparece nos dicionarios cataláns. No da RAG só aparece “xoio”. En calquera caso, dun que  “mete cizaña” sempre podemos dicir, pola fina, que anda “enredando”.

Te puede interesar