A Orquestra e o Coro 'Gaos' levarán o 'Réquiem' de Mozart ás catedrais galegas entre o 8 e o 16 de outubro

Roberto Varela eloxia a fusión dunha orquestra 'nova e activa' de músicos galegos coa 'posta en valor' do patrimonio
A 'Misa de Réquiem en Re menor' de Wolfgang Amadeus Mozart será interpretada pola Orquestra e o coro 'Gaos' entre os próximos días 8 e 16 de outubro, dentro do 'Ciclo de concertos nas catedrais galegas'. O seu obxectivo é, no Ano da Música, poñer en relación 'unha das pezas esenciais da música sacra' con cinco dos 'espazos máis importantes do patrimonio eclesiástico' de Galicia.

Así o expresou este mércores o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, durante a presentación do ciclo de concertos, que tivo lugar na cripta da catedral compostelana. Nela, sinalou a importancia da iniciativa para a 'proxección dos novos valores' da música galega ao tempo que ' pon en valor' o patrimonio da comunidade.

Neste sentido, eloxiou o labor da orquestra 'Gaos', fundada en abril de 2009 baixo a dirección de Fernando Briones, quen tamén estivo presente no acto para destacar a participación de 227 músicos e 11 solistas galegos na formación ao longo deste período. Un deles é o barítono Borja Quiza, quen interveu para agradecer a 'honra' de que se lle encomendara este proxecto.

CALENDARIO DE ACTUACIÓNS

O 'Ciclo de Catedrais' comezará este sábado na Catedral de Ourense ás 21.00 horas e continuará ao día seguinte na Catedral de Tui, ás 19.30 horas. O 15 de outubro pasará pola Catedral de Santiago ás 21.30 horas e o 16 trasladarase a Mondoñedo para interpretar o 'Réquiem' a partir das 19.30 horas.

Ademais, os recitais de Ourense e Santiago completaranse coa interpretación do 'Concerto para clarinete e orquestra en A maior', tamén do compositor de Salzburgo, no que actuará o clarinetista Antonio Suárez. Así mesmo, na orquestra colaborarán, ademais de Quiza, os cantantes Carmen Subrido, Nuria Lorenzo e Francisco Coruxo.

Pola súa banda, a capital luguesa non acollerá o concerto na súa catedral por 'problemas técnicos', que obrigaron a que se traslade a actuación á igrexa de San Pedro. A entrada será gratuíta ata completar o auditorio, que no caso de Santiago abrangue unhas 700 persoas.

'DESSITUADA' EN BONAVAL

Na presentación tamén tomou a palabra o deán da Catedral compostelana, José María Díaz, para 'agradecer' que a música de Mozart entre por primeira vez no templo, despois de que, segundo recordou, fose interpretada xa no parque de San Domingos de Bonaval de Santiago. A xuízo de Díaz, esa localización deixaba 'dessituada' esta peza, que 'non naceu para ser cantada nun cemiterio'.

Neste sentido, o deán e o conselleiro coincidiron 'na diferenza' manifesta entre asistir a este concerto nun auditorio ou nunha catedral, tanto por motivos acústicos coma pola adecuación do escenario a unha 'referencia inescusable da música sacra'.

Te puede interesar