A peza do mes

Otero Pedrayo, galego e cidadán do mundo

O pasaporte de Otero Pedrayo, peza do mes da Fundación.
photo_camera O pasaporte de Otero Pedrayo, peza do mes da Fundación.
A través do seu pasaporte, a vertente viaxeira do patriarca das letras galegas é a protagonista da peza do mes da Fundación encargada de custodiar a súa memoria. A presentación, mañá sábado no Pazo de Trasalba. 

AFundación Otero Pedrayo amosa na Casa Grande de Cimadevila, en Trasalba, o pasaporte do escritor ourensán que se conserva na Fundación Penzol en Vigo. O documento oficial que naquela época necesitaba incluso para ir a Chaves serve de escusa para falar do intelectual viaxeiro. Adrián Estévez Iglesias, experto na biografía do escritor e dinamizador cultural, presenta a peza do mes mañá sábado (Pazo de Trasalba, 13,00 horas), baixo o título “As viaxes de Otero Pedrayo”.

“Otero Pedrayo fixo as primeiras viaxes dende a adolescencia. Son tres tipoloxías: as que fixo coa familia ou coa súa dona por Europa; a América para visitar á xente da emigración e a Portugal por cuestións académicas”, cita Estévez.

A influencia das viaxes nos escritos vese, por exemplo, na novela “Arredor de si”. “O personaxe do libro, Adrián Solovio, fala de sitios polos que pasou el. “As viaxes por Europa son as máis reflexadas na súa obra, pero tamén ten libros ambientados en Galicia das súas viaxes”, engade o experto.

A América foi en tres ocasións. En 1947 levou ao Centro Galego de Bos Aires un exemplar da Carta xeométrica de Galicia e visitou a Castelao, a quen non vía desde 1936. “Chamáballe irmán e en certo modo sabía que era a última vez que o ía ver”. En 1956 estivo en Caracas, convidado por Silvio Santiago, e en 1959 regresou a Bos Aires. “Silvio Santiago era quen estaba en contacto coas editoriais.

Esa viaxe serviulle para estar en contacto coa xente que lle podía financiar proxectos, porque editou en Bos Aires e Caracas. Pero Otero Pedrayo tamén falaba coa emigración e tiña conferencias culturais”. Portugal participou en congresos como o celebrado en Braga en 1950 arredor da figura de Martiño de Dumio.

Outras viaxes máis descoñecidas son as que fixo co seu tío en barco até o mar do Norte, volvendo de Róterdam en tren e lendo “As flores do mal” de Baudelaire. Coa súa muller, Fita Bustamante, pasou a lúa de mel en París, Bélxica e nas praias do mar do Norte. 

“Castelao e Vicente Risco tamén deixaron escritas as súas respectivas viaxes polo continente, Diario 1921 e Mitteleuropa”, engade Estévez.  

“A obra de Otero Pedrayo é moi autobiográfica. Ver Europa serviulle para coñecer a modernidade e outras culturas pero tamén para ser consciente de que o seu lugar era Galicia”, reflexiona o experto.


Onde: Pazo de Trasalba

Cando: 23/11, 13,30 horas

Te puede interesar