¡Buone visioni!

As pantasmas de Bergman

DIR_LaIslaDeBergman_72.jpg.crdownload_web
photo_camera DIR_LaIslaDeBergman_72.jpg.crdownload_web

O cinema é un simulacro da vida, e a relación entre as pantasmas e o sétimo arte está amplamente estudada en centenares de ensaios. “O cine atrapa o traballo da morte”, escribía Jean Cocteau. “O cinema é un medio perenne, no cal o home continúa a loita contra o que se acaba, contra o que tende a desaparecer”, suxería André Bazin. Dito noutras palabras, o sétimo arte é unha pantasma e o acto de facer cine é unha especie de embalsamamento da realidade. A mesma cinefilia ten algo simbiótico cos fenómenos mediáticos: o desexo de facer revivir as imaxes do pasado no presente, outra, e outra vez.

Co filme La isla de Bergman, a directora francesa Mia Hansen-Løve decide reconectar coas pantasmas cinéfilas de Fårö, a illa onde viviu e traballou Ingmar Bergman a partir dos anos 60 e onde faleceu en 1997. O argumento da longametraxe móvese arredor dunha parella de cineastas estadounidenses que chegan ata Fårö, en busca de inspiración para escribir os guións das súas próximas películas. O personaxe del vive a súa experiencia na illa dende un punto de vista pragmático: escribindo e corrixindo con éxito o seu guión, proxectando as súas películas no cine da Fundación, ou participando en excursións turísticas como o “Bergman Safari”. Pola contra, ela atópase nun estado emocional máis fráxil. Segundo avanza o verán, a fronteira entre realidade e ficción vai esfumándose... Mia Hansen-Løve divide a súa película en dúas partes. Na primeira, asistimos ao relato da parella de cineastas, mentres na segunda parte é outra “persoa” a que toma a mirada. Nesta segunda parte, La isla de Bergman empeza a tomar a forma dun xogo de caixas chinas onde o universo onírico e creativo termina convertíndose en algo tan importante como a realidade.

A pesar de moverse entre espíritos ilustres, o filme de Mia Hansen-Løve non é un necrolóxico. Tampouco unha homenaxe estéril á filmografía do cineasta sueco. La isla de Bergman abre un diálogo sincero co corpus da obra do mestre desde unha mirada vital, pero, sobre todo, creativa. As mesmas preguntas sobre a existencia e as relacións humanas que moven os dous creadores – e con eles os protagonistas desta historia – finalmente toman camiños diferentes. Na illa de Fårö, Bergman gravou as súas obras máis sombrías e angustiosas. Pola contra, Mia Hansen-Løve redescobre o lado máis luminoso da illa, a súa mirada – que nalgún momento, si, se cruza ca do cineasta sueco – sen dúbida ten máis que ver coa sensualidade de Un verano con Mónica (1953) que co Séptimo Sello (1957).

Para a cineasta francesa, o reto foi por partida dobre: o de enfrontarse á herdanza dun dos máis grandes directores da historia do cine, e á vez facer as contas coas pantasmas do seu pasado. Porque ademais do legado de Bergman, o filme está cheo de recordos que a directora viviu coa súa exparella, Oliver Assayas, coa que compartiu 20 anos de experiencias creativas e vitais. A parella dos cineastas, interpretada por Vicky Krieps e Tim Roth, están profundamente ligados a eles. O desafío parece amplamente superado.

Queda unha última pregunta para o espectador. Está formulada por unha nena e segue reverberando na pantalla ao acabar a película: “As pantasmas existen de verdade?”.

Te puede interesar