Os pequenos nenos de Guitiriz lembran o poeta Díaz Castro

Nun acto organizado polos centros escolares, os máis novos din que o autor era "bastante listo"

O poeta Xosé María Díaz Castro, ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas este 2014, é para os máis pequenos de Guitiriz (Lugo), municipio de que procede este autor, un home "bastante listo" cun "bo galego" falado e escrito.

Teresa, Ilía, Naia, Uxía e Paula son alumnas do centro educativo Lagostelle e a maior ten apenas sete anos. As cinco contan cunha actitude espontánea, simpática e afouta, como ven o creador do célebre poemario 'Nimbos'.

"Podemos recitar un poema?", preguntan, e, tras unha resposta afirmativa, proceden: 'Herba herba pequerrechiña, que con medo sorrís ao sol que vai nacendo e morrendo sen ti. Por que de ser pequena te me avergonzas ti? O Universo sería máis pequeno sen ti'.

A pequena Cristina, de doce anos, súmase ao coloquio: "Agora sabemos moito del, como que era un gran escritor, ademais de tradutor, e que para os tempos que corrían era bastante listo". Xoel e Antón, outros dous escolares, únense á charla pero para centrarse no aspecto moral: "Aprendemos moitos valores de Xosé María, entre eles, que hai que respectar a nosa cultura e falar sempre en galego, porque é unha lingua moi importante que non podemos esquecer". A nota máis graciosa pona Uxía, que risoña apúrase a comentar, "eu de bebé non o coñecía, pero agora, con seis anos, xa si".

O CONCELLO, ORGULLOSO

Os máis miúdos do CEIP Lagostelle confeccionaron con só tres anos de idade a premiada lámina 'Esmeralda' en que plasmaron todas as súas impresións e sensacións coas pegadas dos seus diminutos dedos.

Nun instituto próximo, o IES Poeta Díaz Castro, as gaitas, pandeiretas, frautas e guitarras entremestúranse cos versos do escritor de Vilariño dos Vilares. "É unha fusión que permite que a poesía non sexa algo morto nun papel e axuda os mozos a entender o seu verdadeiro sentido", conta a profesora Sandra Tenreiro. O instituto en que imparte clase realizou hai un ano un documental para demostrar que un dos seus veciños máis famosos, Díaz Castro, tiña "moito que ofrecer" a toda a sociedade. Os escolares deste instituto protagonizan a produción audiovisual 'Os camiños esquencidos', que recrea a vida, desde a súa infancia ata a vellez, do personaxe distinguido este 17 de maio.

Fóra do ámbito educativo, a veciñanza vive este recoñecemento coma se "fosen ananos". É o que fai constar María: "Isto é un orgullo, unha emoción. Sairíanme infinidade de sentimentos que se poden resumir nun: alegría", asegura feliz, cons ollos verdadeiramente vidrosos.

Vinte e catro anos despois da morte de Díaz Castro, e xusto cando se cumpre un centenario desde o seu nacemento, o Guitiriz máis comprometido ilustra e escenifica cada letra, cada palabra e cada verso nunha especie de efervescencia social que agromou neste núcleo que conta cunha poboación inferior aos 6.000 habitantes.

Guitiriz, unha terra dominada por un silencio terapéutico, ese que alimenta mente e espírito, é hoxe un fervedoiro de emocións e de bulicio. Todo llo deben ao artífice do maxistral 'Penélope', unha das composicións máis celebradas na literatura de Galicia.

Te puede interesar