Arte et Alia

A poética escultórica de Xavier Cuiñas

Arame, corda e madeiras, nunha das composicións.
photo_camera Arame, corda e madeiras, nunha das composicións.
Dende o concepto náutico que separa a parte mergullada, ou obra viva, da que non o está, e que na mar é denominada obra morta, artella o artista a parte máis novidosa da súa mostra

Francisco de Holanda condensa nunha imaxe abstracta a creación do mundo facendo xurdir o Fiat lux dende o círculo celeste cun triángulo equilátero e outro isósceles en dirección á terra, representada como un gran recipiente esférico emerxendo das augas. Esta imaxe conceptual no libro «De Aetatibus Mundi imagines», Biblioteca Nacional, Madrid, daquel gran humanista portugués do século XVI, ilustra a complexidade que supón representar unha idea. Xavier Cuiñas (1956, Ourense) estao a facer en «Liña de flotación», na sala municipal Valente. 

Dende o concepto náutico que separa a parte mergullada, ou obra viva, da que non o está, e que na mar é denominada obra morta, artella o artista a parte máis novidosa da súa mostra. Nela hai que prestar atención aos espazos-forza definidos na disposición das pezas, comezando polo propio título, no que desaparece a parte inferior da frase, afundida na propia parede...; e a carón dela dúas pezas verticais e asimétricas. Eis a definición do equilibrio e a áncora, ou eixo. Hai espazos-cadro nos que coloca series de pezas acristaladas, sutís composicións con acuarelas, que fan pensar nos mundos ingrávidos e xentís como pompas de xabón, dos que falara Machado nos seus «Proverbios y Cantares». Hai outro para as oveiras, de Ramuín ou doutros lugares, que dende a súas esféricas formas abertas nos fan pensar en redes para cazar estrelas. Nun recuncho hai dúas das máis notables pezas, polas súas dimensións, a cilíndrica vertical na que domina o arame, e a outra oval de madeira, e con eixo de simetría, nunha peaña ao seu carón.

Nas paredes a elegancia dende a asimetría, é o canon, con avelaíñas e bolboretas, e algunha nave bogando, adiviñándose noutra aquela pontiña de Seixomil, o espírito do ar, inspirada en Italo Calvino cando Marco Polo descríbelle a Kublai Kan unha ponte, asegurándolle que se sostén pola liña do arco das doelas, aínda que o artista prefira os pasais... Cuiñas espreme o zume formal, perpendicular ou diagonal por circulación, e aposta polo diálogo visual, colocando as pezas no medio dalgún dos corredores, un dos distintos espazos xerados pola disposición da gran sala en tres follas, dende a vidreira cenital no eixo, polo que a mostra é así unha suma de partes. Hai obras das Cartografías espaciais de 2016, Galería Metro de Santiago, e outras das que levou fai uns meses á JustLX, Lisboa.

Así esta é no formal un continuum evolutivo do último lustro, dende o ronsel das Coordenadas para un encontro, de 2011, naquela galería compostelá, e máis aínda da de Ourense no vello Simeón en 2008. Mais en todas elas a súa linguaxe plástica é recoñecible, unha arquitectura da delicadeza e transparencia, poemas visuais tridimensionais coa forza na fraxilidade en equilibrio, xogos visuais nos espellos das sombras, formas en harmonía que se afastan do principio de semellanza (Figueiras). Acompañárono na inauguración Carmucha Vázquez Prats, Moreiras, Sula Repani, Antonio Soria, Karballo, Antonio Seoane, Xosé Cid, Ehlaba Carballo de Dios, Vilamoure, Marita Carmona, Santi Barreiros, Luis Estévez, Lazcano, Poldras, Tareixa Taboada, Jesús Costa, Puertas, Santi Barreiros, Rosendo Cid ou Isidro Tascón, luces todas aurienses.

Te puede interesar