Pontevedra volverá ter cines a partir deste sábado

Seis meses despois de que Pontevedra se convertese na única capital galega sen cinema, o próximo sábado, 21 de decembro, a cidade do Lérez recuperará as oito salas de Vialia que agora explotará a empresa galega Galicine baixo a marca Cinexpo. Así o anunciou na mañá deste xoves o xerente da empresa, Severino Pato, despois de finalizar os trámites da licenza urbanística.


O presidente do Grupo Galicine, Severino Pato, acompañado polo seu socio Miguel García, mostraron aos medios de Pontevedra estas novas instalacións que contarán con dúas salas con 3 D, dúas salas con butacas vibratorias, unha sala VIP caracterizada pola súa especial comodidade e o sistema HFR de proxección de 48 fotogramas por segundo en todos as salas.

Severino Pato sinalou, ademais, que o prezo está adaptado á cidade. A entrada normal será de 7,2 euros mentres que o reducido se situará en 6,2. 'É o prezo máis baixo das cidades galegas', abundou Pato. Aqueles afeccionados ao cinema que o desexen poderán facerse socios 'Fidelize' de xeito gratuíto, tarxeta que suporá descontos tanto na taquilla coma no bar dos cines, que contan tamén cunha tenda de lambetadas 'Pica Pica'.

As oito salas teñen unha capacidade para 1.539 butacas. Galicine xestionaraas por un prazo de vinte anos, de acordo ao concurso convocado polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), que estableceu en 1,4 millóns de euros o prezo de licitación.


DESAFIUZAMENTO

Os cines de Vialia pecharon o 2 de xuño despois do xuízo por desafiuzamento a instancias do ADIF contra a empresa Ábaco por unha débeda de máis de 1,3 millóns de euros derivada do aluguer das instalacións do Cinebox Vialia.

Severino Pato calcula que cunha asistencia de ao redor de 17.000 espectadores ao mes, estas salas de Pontevedra volverán ser rendibles.

'Historicamente, Pontevedra pasaba dos 20.000 espectadores', manifestou. E nese sentido sinalou que farán un esforzo para ofrecer unha programación variada pero tamén aclarou que 'o barómetro son as taquilla'. En todo caso, teñen previsto ofrecer estreas de películas, óperas en directo e ciclos de cinema clásico. Nove empregados traballarán nestas instalacións.

Te puede interesar