O PSdeG súmase á reivindicación de máis postos para mulleres na RAG

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Laura Seara, expresou hoxe o apoio do seu partido ás reivindicacións das escritoras galegas de ocupar máis postos na Real Academia Galega (RAG), onde só catro dos trinta académicos numerarios son mulleres.
Seara manifestou, nun comunicado, o seu apoio ao manifesto presentado hoxe por un grupo de 52 poetisas, narradoras, lexicógrafas, dramaturgas e estudosas da lingua galega, co fin de reivindicar que as mulleres ocupen máis asentos e teñan máis protagonismo nesta institución.

A dirixente socialista lembrou que o PSdeG fixo esta mesma solicitude o ano pasado, tras constatar que nas reais academias de España só hai un 6 por cento de mulleres do total de 543 académicos numerarios.

'Na Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación non hai ningunha muller, mentres que na Real Academia Española só hai un 11,36 por cento de mulleres dun total de 44 académicos numerarios', explicou.

No caso de Galicia, Seara denunciou que na RAG de 30 cadeiras de numerarios soamente catro están ocupadas por mulleres, as escritoras Xohana Torres, Margarita Ledo, Rosario Álvarez e Luz Pozo.

Así mesmo, a secretaria de Igualdade destacou que os datos relativos ao número de reitoras, catedráticas e persoal docente investigador feminino non responde á cualificación das mulleres galegas e españolas, xa que o 60% do estudantado universitario está formado por mulleres e só hai un 15% de catedráticas e un 36,4% de persoal docente.

Para Seara, estes datos evidencian que a incorporación das mulleres aos postos de maior responsabilidade no contorno das universidades e das academias 'non evolucionou en coherencia coa revolución que supuxo a incorporación das mulleres aos mundos do saber e da investigación', lamentou.

Por último, apuntou que todos os axentes implicados, administracións, universidades e empresas, deben traballar para que as mulleres 'sexan axentes do coñecemento, ao tempo que o coñecemento sobre as mulleres ten que formalizarse'.

'As mulleres foron excluídas da xeración e validación do coñecemento durante séculos e por iso agora o esforzo para a equiparación real debe ser maior', concluíu.

Te puede interesar