Publicada a delimitación do Camiño Francés entre Pedrafita e O Pino

A Consellería de Cultura publicou no DOG a delimitación oficial do Camiño Francés desde a entrada no municipio lugués de Pedrafita do Cebreiro até o límite do termo municipal do Pino (A Coruña), coa excepción do tramo entre o lugar do Amenal e o límite co aeroporto da Lavacolla.

A nova delimitación da ruta xacobea será agora inscrita no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e será notificada ao 'órgano competente do Ministerio de Cultura para o seu coñecemento e para os efectos de inscrición no seu rexistro'.

Segundo publica hoxe o Diario Oficial da Galicia (DOG), unha vez delimitado, até que se aprobar o plan especial de protección do Camiño Francés, calquera intervención 'legalmente permitida que pretenda realizarse' dentro do ámbito do Ben de Interese Cultural, deberá ser autorizada previamente pola Consellería de Cultura, antes da concesión de licenza municipal.

Ademais, os promotores desas intervencións deberán presentar un estudo específico de afección sobre o territorio histórico do Camiño Francés.

Por outra parte, a Dirección Xeral de Patrimonio, ademais de publicitar na páxina web de Cultura 'o documento completo, coa descrición literal dos tramos', publicará 'unhas instrucións' cos 'criterios básicos' a seguir para 'garantir unha adecuada protección do ben', até que for aprobado o citado plan especial.

De feito, nos terreos situados fóra de núcleos rurais e núcleos urbanos aplicarase unha faixa de protección da ruta xacobea de 30 metros.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural iniciou a tramitación do expediente para delimitar a 'ruta principal do Camiño de Santiago' mediante unha resolución do día 30 de xullo de 2010.

No período de información pública foron recibidas 182 alegacións e todas elas foron obxecto dunha 'resposta razoada', segundo a Consellería de Cultura e Turismo.

Mentres, os informes das comisións territoriais de Patrimonio Histórico da Coruña e Lugo, así como dos tres órganos consultados -Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Real Academia de Belas Artes- expresáronse 'nun sentido favorábel á nova delimitación', con 'recomendacións de diferente índole, que foron obxecto da oportuna consideración'.

Finalmente, 'examinadas todas as alegacións presentadas durante o trámite de información pública e as recomendacións dos órganos consultivos', engade a Consellería de Cultura na súa disposición, a Dirección Xeral de Patrimonio redactou 'un novo documento' que recolle en 'cada concello as modificacións introducidas'.

Con respecto ao tramo que percorre o termo municipal de Santiago de Compostela, o Camiño Francés 'continuará delimitado provisionalmente segundo a resolución do día 12 de novembro de 1992'.

O Camiño Francés foi declarado Ben de Interese Cultural en 1962, coa categoría de conxunto histórico, e en 1993 foi incluído na lista de bens Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. En 1997, o Consello de Europa outorgoulle o recoñecemento de Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Te puede interesar