Queremos Galego quere 'sumar forza' contra a discriminación desta lingua

A plataforma Queremos Galego sairá de novo neste 17 de maio á rúa para "sumar forza" contra a discriminación que vive esta lingua e neste ano a protesta será "expansiva"

"Un paso adiante e outro adiante, Galiza. Defendamos o noso idioma" será a consigna común en todas estas convocatorias que se realizan coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sinalou nunha entrevista coa Efe que o motivo destas protestas "non só é reivindicar o dereito a vivir en galego senón tamén a igualdade de dereitos que debe ter o galego con respecto ao castelán a todos os niveis".

Maceira comentou que "o galego é unha lingua que está maltratada actualmente e vive unha situación de retroceso" e lembrou que os avances "sempre tiveron lugar despois de procesos de mobilización social e unha forte presión social".

Por estes motivos, animou todos os galegos a "actuar contra os poderes públicos" que continúan maltratando a lingua e "tratando os falantes de galego como cidadáns de segunda".

Debe haber un compromiso por parte do Goberno autonómico de promoción e recuperación do galego, destacou.

O portavoz desta organización remarcou que neste ano a mobilización chega a máis zonas de Galicia, ás sete principais cidades e a Foz (Lugo), para "achegar" a "reivindicación da lingua galega".

Os actos, segundo Maceira, consistirán na lectura común dun manifesto elaborado pola escritora Marica Campo e, a seguir, cada cidade terá un esquema diferente de actividades.

"O galego ten que volver ser a lingua de referencia en Galicia", remarcou o historiador que preside a Mesa.

En Compostela decorrerá neste sábado unha das mobilizacións, que comezará ás doce do mediodía na Porta Faxeira, mentres que as outras serán, á mesma hora, nas restantes seis cidades principais de Galicia e no municipio lugués de Foz.

No acto que se realiza na capital galega, participarán diversos colectivos e asociacións da comarca de Compostela.

Haberá tamén unha actuación musical e leranse diversos poemas de autores, incluíndo composicións do distinguido neste 17-M, o poeta de Guitiriz que asina 'Nimbos'.

Estes textos serán lidos por varias personalidades da cultura galega, entre eles, actores como Comba Campoy, Pepe Penabade e Iria Sobrado, e escritores como Suso de Toro.

"Só a través da presión social constante, e esta é a razón pola que multiplicamos por oito a nosa forza, podemos garantir os nosos dereitos lingüísticos e o noso futuro como pobo", concluíu Maceira.

Te puede interesar