Sae á venda 'Lela' con 14 cancións galegas interpretadas por Cristina Gallardo e a orquestra Gaos

Roberto Varela erixe o CD en 'banda sonora do Xacobeo 2010' e anuncia un concerto de presentación en Vigo
Unha primeira tiraxe de 5.000 copias do CD 'Lela' saíu este luns á venda coas 14 cancións que o compón interpretadas pola soprano internacional Cristina Gallardo-Domás coa Orquestra Gaos, un traballo que o conselleiro de Cultura elevou á 'banda sonora do Xacobeo 2010' e que foi editado pola Xunta en colaboración coa Fundación Paideia.

Presentado polos promotores deste proxecto, xunto coa propia Gallardo, a mellor intérprete de Puccini na actualidade, 'Lela' supón un traballo no que, en palabras da presidenta da Fundación Paideia, Rosalía Mera, supón un exemplo de que o traballo conxunto 'público-privado pode dar bos resultados'.

Nel poderanse escoitar a Gallardo dando voz ás letras de escritores como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Fanny Garrido, Castelao, Celso Emilio Ferreiro ou Miguel Anxo Fernán-Vello xunto a 'autores esenciais' para a historia musical galega como, citou o conselleiro de Cultura, 'Marcial de Adaíl, Juan Montes, Pascual Veiga, 'Chané', José Baldomir, Andrés Gaos, Luis Taibo ou Juan Durán, que fixo os arranxos musicais do proxecto.

Roberto Varela destacou que este disco, 'un reto' para a intérprete -como ela mesma describiu- por achegarse a unha lingua que 'non era' a súa, súmase ao Ano da Música en Galicia con 14 temas que 'describen unha traxectoria que vai dende a canción culta galega ata aquela de raíz máis popular'.

Ademais dos eloxios ofrecidos para o acompañamento da Orquestra Gaos, unha agrupación musical na que se congrega parte dos músicos máis novos e con maior proxección, Roberto Varela enxalzou a figura de Gallardo a resaltar a súa 'forza, paixón e expresividad vocal', así como a súa 'interpretación' desta selección. 'Moitos gozarán recordando pezas que forman parte da súa vida e outros moitos coñecendo a fermosa tradición musical de Galicia', expresou.

Cristina Gallardo subliñou, pola súa parte, a 'grande ilusión' que lle supuxo a realización deste traballo e esperou que, tal e como se manifestou no acto, este disco supoña a 'primeira pedra' para outros traballos. 'A vosa música é preciosa e iso necesita reproducirse', proclamou a soprano.

Roberto Varela afirmou, neste sentido, que xa se está a traballar 'noutros traballos' deste tipo e indicou que está 'practicamente pechado' un concerto de presentación deste disco, que terá lugar en Vigo.

PROXECCIÓN INTERNACIONAL

O titular de Cultura fixo fincapé na proxección internacional que terán estas cancións galegas ao formar parte do repertorio dunha das 'mellores sopranos do noso tempo', nacionalizada española, que estudou en Chile e en Nova York. A súa actuación en Madame Butterfly, dirixida polo falecido Anthony Minguella no Convent Garden de Londres valeulle a Cristina Gallardo o premio Laurence Olivier.

Ademais, a intérprete traballou e gravou con todas as grandes batutas, de Riccardo Muti a Nikolais Harnoncourt, de Lorin Maael a Riccardo Chailly; así como participou en festivais como o de Salzburgo, ao que hai que engadir que Woody Allen fixo o seu debut como director de ópera con ela, en Gianni Schichi.

'Lela', 'Soedades', 'Cantiga', 'Os teus ollos', 'Un adeus a Mariquiña', 'Negra Sombra', 'Vai lavar a cara', 'Lonxe da terriña', 'Rosa de Abril', 'Maio Longo', 'María Soliña', 'Alborada', 'Bastabales' e 'O límite increado do mundo' conforman este disco que será distribuído por Selo Verso.

Te puede interesar