A sindicalista agraria Lidia Senra, elixida Pedrón de Ouro 2011

O padroado da Fundación Pedrón de Ouro elixiu a sindicalista agraria Lidia Senra como Pedrón de Ouro 2011, na súa 48º edición, informou a entidade.
Ademais, foron designados como Pedrón de Honra os profesores da Universidade de Granada Andrés Pociña e Aurora López, polas súas iniciativas en favor da lingua e a cultura galega desde aquela academia, especialmente polos seus traballos sobre a obra e pensamento de Rosalía de Castro.

O padroado do Pedrón de Ouro destaca nun comunicado que Senra é 'líder indiscutíbel do sindicalismo agrario, feminista galega e referencia obrigada dentro do movemento agrario europeo e internacional'.

Lembra que comezou a participar moi nova nas loitas e o sindicalismo agrario a través dos Comités de Apoio á Loita Agraria e da cota do leite e, desde 1989 a 2007 foi secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG).

Foi tamén membro da executiva da Coordinadora Labrega Europea e representante de Europa na Comisión Internacional de Mulleres da Vía Campesina.

A fundación sinala que, co seu recoñecemento, tamén quere 'visibilizar e valorar o traballo colectivo das mulleres' no campo galego.

De Andrés Pociña e Aurora López destaca obras como 'Rosalía de Castro, Documentación biográfica y bibliográfica crítica (1937-1990)', unha edición crítica de 'Cantares Gallegos', 'Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra' ou 'Conversas con Maruxa Villanueva'.

Tamén considera importantes as súas achegas e publicacións en distintos diarios e revistas que inciden nos debates públicos sobre a identidade galega e a súa incidencia importante no mundo cultural europeo.

López é profesora titular de Filoloxía Latina e Pociña, catedrático da mesma materia na Universidade de Granada.

A Fundación do Pedrón de Ouro explica no seu escrito que o primeiro dos premios se concede a 'unha personalidade ou entidade viva e residente en Galicia que máis destacou na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou nunha traxectoria vital', mentres que o segundo se concede a residentes fóra de Galicia 'que se destacasen coas súas achegas ao engrandecemento da nación e a súa cultura'.

Te puede interesar