Sónar Galicia presenta a súa segunda edición, a da súa consolidación

Artistas da importancia de M.I.A., Magnetic Man, Richie Hawtin ou Radio Slave encabezan o cartel do Sónar Galicia 2011, o festival de música electrónica que se celebra por segundo ano consecutivo na Coruña coa intención de consolidarse como referente da vangarda artística.

'A programación deste ano supera a do ano pasado', subliñou Ernic Palau, codirector do festival que se celebrará, simultaneamente coa sede de Barcelona, nos vindeiros 17 e 18 de xuño.

O Sónar Galicia presentará nesta segunda edición un importante cartel que inclúe varios dos máis destacados artistas do panorama internacional, como Richie Hawtin, Martyn, Radio Slave ou Dj Mehdi+Brodinski, que actuarán en exclusiva na sede galega.

Figuras internacionais, como os británicos M.I.A, Underworld e Magnetic Man, os portugueses Buraka Som Sistema ou o ex-membro de LCD Soundsystema, James Murphy, completarán un percorrido de 28 paradas polas múltiples caras da electrónica actual a través de espectáculos novos en que música, arte e novas tecnoloxías se mesturan.

Esta segunda edición do festival, que no pasado ano chegou a Galicia da man do Xacobeo, supón o ano I da consolidación coa intención de que a sede da Coruña se converta nun evento 'permanente' que converta Galicia 'nun dos referentes internacionais da música electrónica', afirmou o conselleiro de Cultura, Roberto Varela.

'O Sónar Galicia máis que un festival de música é un laboratorio para experimentar', afirmou Varela, quen estivo acompañado na presentación polo novo alcalde da Coruña, Carlos Negreira; a directora xerente do plan Xacobeo, Camino Triguero; os dous directores do Sónar, Ricard Robles e Enric Palau; e a directora do Expocoruña, o recinto onde se celebrará o festival, Ana Montes.

'Falar do Sónar é facelo de calidade e dunha traxectoria consolidada, é falar dun nome que rompe fronteiras e convence o público especializado en cada cita', afirmou o responsábel autonómico de Cultura.

'A segunda edición do Sónar Galicia dá cumprimento ao compromiso de continuidade que adquirimos e consolida a cidade da Coruña como unha das capitais europeas da música electrónica, avanzada e experimental', engadiu.

O festival, que na súa xornada inaugural do pasado ano reuniu máis de 15.000 persoas, ofrecerá neste ano un repertorio do mellor da escena musical galega cunha decena de artistas, encabezados polo colectivo Oruga, DJ Sith ou Galis 115, moitos dos que foron promocionados internacionalmente en Tokyo ou Londres da man do Sónar.

'Sen dar as costas á modernidade e á diversidade', sinalou Varela, 'o Sónar mostra a capacidade dos músicos de Galicia para renovarse e adaptarse aos novos tempos'.

O festival, cuxas entradas están xa á venda desde 35 euros, abrirá as portas no vindeiro venres ás 21.00 horas cunha xornada de grandes espectáculos e as actuacións estelares de Underworld, Magnetic Man e Buraka Som Sistema.

No sábado será a quenda da música de baile con M.I.A., Richi Hawtin, Radio Slave ou James Murphy, quen será o encargado de pechar o festival cunha sesión especial repleta de disco-funk-house.

A nova distribución dos escenarios permitirá ampliar a capacidade e corrixir algunhas dificultades de son detectadas na edición 2010, cuxos bos resultados esperan ser mellorados como primeiro paso para consolidar a sede galega do festival.

Te puede interesar