O Teatro Colón reabre as portas con 'El tipo de la tumba de al lado'

Interior do teatro.
O teatro Colón da Coruña volverá abrir as portas esta noite coa obra de teatro 'El tipo de la tumba de al lado', protagonizada por Maribel Verdú e Antonio Molero, no que suporá o inicio dunha nova etapa na xestión do emblemático edificio.

A obra, unha adaptación do best-seller da escritora sueca Katarina Mazetti, narra a relación que estabelecen unha intelectual urbana interpretada por Maribel Verdú e un torpe granxeiro ao que dá vida Antonio Molero.

Dirixida por Josep Maria Pou, a historia recrea a relación de dúas personaxes que se coñecen nun cemiterio onde foron visitar as tumbas dos seus seres queridos, e entre eles xorde unha chispa irreprimíbel.

Con 'El tipo de la tumba de al lado' o teatro Colón da Coruña comezará unha nova etapa baixo a xestión, durante os vindeiros cinco anos, da UTE formada por Gestión de Espacios Culturales y de Ocio, Eulen e Unahoramenosproducciones.

A programación cultural do teatro, dirixida por Mario Vega, prevé ademais de espectáculos teatrais, visitas guiadas para escolares ou espectáculos infantís.

Nestes primeiros meses está programado ademais un ciclo de jazz, así como as actuacións de Carlos Blanco, Milladoiro e Rober Bodegas.

Te puede interesar