Un tribunal recoñece o dereito de Queremos Galego a usar a megafonía na súa manifestación

A plataforma espera unha 'mobilización masiva' este xoves e pon autobuses dende distintos puntos para chegar a Santiago

Un tribunal compostelano recoñeceu o dereito da plataforma Queremos Galego a finalizar a súa manifestación deste xoves con motivo do Día das Letras Galegas con megafonía e un palco, algo que lle fora denegado polo Concello de Santiago ao coincidir esta data coa celebración das festas da Ascensión, festivo local.

Así o anunciou este mércores o voceiro nacional da plataforma, Carlos Callón, quen sinalou que, aínda que o auto emitido 'recoñece 100 por cento' o dereito a usar 'todo os solicitado' por Queremos Galego, a plataforma está pendente dunha resolución definitiva que ratifique que se poderá instalar o palco na Praza da Quintana, onde xa está instalada outra infraestrutura deste tipo para un concerto que se celebrará durante a Ascensión.

Callón congratulouse desta decisión xudicial contra unha negativa do Concello de Santiago que considerou 'antidemocrática', 'inxusta' e 'arbitraria'. 'O concello de Santiago intentou obstaculizar, na medida das súas competencias municipais, esta manifestación', sentenciou Carlos Callón, que viu nesta actitude un 'ataque á liberdade de expresión'.


MANIFESTACIÓN

Carlos Callón chamou a toda a cidadanía a participar este xoves, con motivo do Día das Letras Galegas, nunha manifestación unitaria en Santiago de Compostela, que se iniciará na Alameda ás 12.00 horas.

Este acto, que se desenvolverá baixo o lema 'Paremos os ataques contra o galego', está organizado pola plataforma Queremos Galego e, para poder asistir a el, porán autobuses dende distintos puntos da xeografía galega.

A plataforma espera que esta 'grande manifestación' que centralizará as protestas en toda Galicia sexa unha 'mobilización masiva' en defensa do idioma.

VALEDOR DO POBO

Por outra banda, Carlos Callón referiuse tamén á dimisión este luns do Valedor do Pobo, unha decisión que, asegurou, non é 'casualidade' que se produza en vésperas da mobilización do día 17, na que 'se falaría dos seus ataques e da súa incompetencia'.

Neste sentido, Carlos Callón confiou en que, en substitución de Benigno López, ocupe o cargo de Valedor do Pobo unha persoa 'que si cumpra os seus deberes'.

Te puede interesar