Varela asegura que 'xa está acordada' coas construtoras do Gaiás a paralización dos edificios pendentes

Descarta que un dos edificios sen construír sexa Museo dos Nenos e Centro de Arte Internacional, como estableceu o bipartito
O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, reiterou este luns a intención da Xunta de 'esperar uns anos' antes de iniciar a construción dos dous últimos edificios na Cidade da Cultura e garantiu que o Executivo 'non inverterá' en nova construción no Gaiás ata 2014, un prazo que 'xa está acordado' coas construtoras e a partir do que se 'abrirá un debate' sobre a 'continuidade' das construcións pendentes.

En declaracións aos medios, Roberto Varela asegurou ter 'as ideas moi claras' con respecto á Cidade da Cultura e reiterou que 'neste momento' de crise económica 'o importante é rematar o que está iniciado'.

'É un proxecto que nos obriga a darlle certa prioridade, no sentido de que temos que rematar os edificios xa comezados', indicou o conselleiro de Cultura, que asegurou que 'nos tempos que corren' a Xunta 'non 'pode asumir' esta inversión. 'Os galegos estannos a pedir non se fagan por agora, que deixemos uns anos, que xa están acordados coas construtoras, e vexamos como vai ser a evolución da economía', sentenciou Varela.

Por iso, a Xunta apostou por paralizar a construción dos novos edificios ata 2014 e, nese momento, 'reflexionar' sobre a continuidade do proxecto. 'Polo de agora e ata 2014 non se vai inverter en novos edificios, imos inverter no que temos aquí', sinalou o conselleiro, que apostou por 'abrir un debate' en 2014 sobre 'se ese é o momento oportuno para continuar'.

DESCARTA O MUSEO DOS NENOS

Non obstante, Roberto Varela si descartou que, en caso de construirse, un de edificios se constitúa en Centro Internacional de Arte e Museo dos Nenos, un proxecto creado polo Goberno bipartito.

Segundo recordou o conselleiro, un dos edificios aínda non iniciados, que orixinariamente era para Novas Tecnoloxías, foi modificado polo bipartito como Centro de Arte Internacional e Museo dos Nenos, algo que 'está descartado' polo actual Goberno. 'Paréceme que os nenos debería ter acceso a todos os museos', indicou Varela, ao tempo que descartou un Centro de Arte Internacional que crearía 'competencia' cos centros e museos de arte contemporánea de Galicia.

Pola súa banda, tamén queda agora en suspenso ata 2014 a posibilidade de construír o Teatro da Ópera, que o bipartito 'converteu no Escenario Obradoiro', un espazo 'máis ecléctico e máis caro' sobre o que se 'reflexionará' dentro de tres anos.

Segundo apuntou Varela, a Xunta leva invertidos na construción do Complexo do Gaiás 300 dos 475 millóns de euros nos que estaba presupostada a Cidade da Cultura, unha inversión que 'vai ha quedar así ata que nun futuro se decida outra cousa'.

Te puede interesar