¡Buone visioni!

O western mediterráneo

Esta fin de semana chega ás salas o documental Ennio: El maestro dirixido polo director de Cinema Paradiso (1988) Giuseppe Tornatore. A longamentraxe, un retrato exhaustivo sobre o compositor Ennio Morricone, acaba de conquistar tres David de Donatello –os Premios Goya italianos– à mellor documental, mellor montaxe e son. Ennio Morricone ademais de ser un dos autores musicais máis recoñecidos a nivel mundial polas súas composicións para o cine, durante un tempo foi a partitura sonora inconfundible do chamado spaghetti western.

Django & Django un documental de Luca Rea, xa dispoñible en Netflix, lévanos a revisitar algúns dos filmes máis representativos deste xénero que revolucionou a forma de entender as películas de vaqueiros. Ao final dos anos cincuenta, Hollywood estaba a vivir un período de crise, sobre todo de contido. O abuso de fórmulas exitosas, a caza das bruxas do senador McCarty, e uns modelos anticuados incapaces de entender os gustos e as pulsións das novas xeracións, levaron ó público a buscar a diversión noutra parte. Despois do éxito de Por un puñado de dólares de Sergio Leone, primeiro filme da triloxía do dólar que inclúe La muerte tenía un precio e El Bueno, el feo y el malo (1966), o spaghetti western converteuse nun dos fenómenos estéticos e de produción máis relevantes da industria do cinema fóra de Hollywood.

Máis arriba do Río Grande seguía o west clásico, maniqueo e cun certo aire bucólico, coa súas urbes en construción, o ferrocaril, os vaqueiros bos e os indios malos. Pero abaixo do mesmo río había un territorio sen lei dominado polos antiheroes e amenizado pola ansia de revolución dos campesiños máis pobres. Había un mundo de cidades pantasmas, habitado por peóns e bandoleiros violentos intentando sobrevivir nunha paisaxe árida e inóspita. O spaghetti western, rodado no sur de España e nalgunha rexión do centro Italia, reformulou as historias e creou outro west. O retrato que fai Luca Rea do cineasta Sergio Corbucci en Django & Django é clave para entender a época dourada do western á italiana pero tamén para entender a carreira dun dos mestres deste xénero. A través das palabras de Quentin Tarantino descubrimos, por exemplo, canto influíu a educación fascista en Corbucci á hora de crear obras como El gran silencio (1967). E a través das palabras do actor Franco Nero e o seu asistente de dirección Ruggero Diodato, compartimos toda unha serie de detalles apaixonantes e entretidos sobre a realización de filmes como Django (1966), Salario para matar (1968) ou Los compañeros (1970). Estas últimas, por suposto, están consideradas entre as mellores películas do xénero inspiradas na revolución mexicana, xunto con ¡Agáchate, maldito! (1971) de Sergio Leone ou Yo soy la revolución (1966) de Damiano Damiani. Porque neste western tan popular atopábanse, en clave de xénero, os principais temas e as tensións sociais que caracterizaban o presente: as revoltas das periferias, as reaccións aos colonialismos, o despertar do terceiro mundo, e as protestas do movemento estudantil e obreiro.

Como complemento ao documental de Luca Rea, ademais do filme de Tornatore sobe o mestre Morricone, por suposto non hai que esquecer Desenterrando Sad Hill (2018) do vigués Guillermo de Oliveira, sobre a reconstrucción do cementerio ficticio de Sad Hill en Contreras e Santo Domingo de Silos, preto de Burgos. O documental conta coa participación de Clint Eastwood, entre outros. Está dispoñible tanto en Filmin coma en Netflix.

Te puede interesar