Xosé Luís Otero fálalle ao silencio de Deus

O artista explicando a exposición na inauguración.
photo_camera O artista explicando a exposición na inauguración.

Interpela o artista dende a súa arte ese lugar común que se chama “silencio de Deus”, do que xa San Xoán de la Cruz escribira “¿Adónde te escondiste, / Amado, y me dejaste con gemido?”. Así no “Cántico espiritual”, no canto de percibir como Deus a manifestación de estáballe agachada. Ese deus é ao que lle tentamos poñer nome dende o “interior intimo meo” agustiniano (Confesiones, III, 6, 11), dende a nosa natureza esencial. Nela, nese espazo e lugar que podemos chamar alma, é onde está oculta a Palabra, onde Deus fala segundo Meister Eckhart. Por elo o silencio resulta ser o seu idioma.

Xosé Luís Otero, o artista limiau de Nocelo da Pena, exprésase neste proxecto da igrexa da Universidade compostelá con locuacidade discursiva, e a mediación de Elena Bangueses como curadora, facendo un discurso con criterio de seu neste espazo cultural da Compañía de Xesús que malia acharse desafectado de culto impón, dende a propia estrutura ad hoc desta orde relixiosa renacentista especializada na predicación e docencia, unha praxe de fe e ortodoxia católica. E a arte dende o estilo Barroco é un reflexo dela, con Bernardo Cabrera, Diego de Romay na arquitectura, e o retablo maior de Simón Rodríguez. Artista e comisaria dispuxeron as obras elixidas nun discurso de pouso pedagóxico e retrouso de tintas alegóricas con final aberto, ao xeito dalgúns filmes dos nosos tempos.

Entramos á nave central e detémonos no tramo final baixo da primeira obra, o Home, impactante instalación dunha morea de pezas vermellas penduradas. Semellan informes anacos de carne, lonxe da que Shylock reclamaba en El mercader de Venecia, centro corenta e sete, un número que non debe ser casual, e que vai asociado á busca da verdade. Avanzamos cara o cruceiro, onde chegan os extremos das oito columnas penduradas das cornixas, e non das pechinas da cúpula como ben quixeran poder facelo. A solución ideada permítenos ascender cara aquela cal escaleira de Xacob: achámonos ante O tempo de Deus. Logo deste tour de force despregado por Otero, os espazos colaterais. Na nave do Evanxeo, dende o cruceiro, Trabes-Próteses, quince antigas pezas dalgunha casa familiar tratadas e intervidas con apliques dunha madeira máis clara: un inserirse na propia historia-raíz, mais tamén elementos de cambio de nivel, dispostos contra a parede. E nos paneis da nave senllas obras a modo de cadros, a dos vimbios anoados e a das cortizas de eucalipto, en tiras, obras nas que Otero tece con primor e traballo dende os materiais vexetais pintados os Lazos, como os denomina, e que aluden á “reconstrución da Natureza a través da relación do Home con Deus”, en palabras de Bangueses. E xa as Arquitecturas circulares, dezasete pezas cilíndricas trasunto das colmeas humanas, e os Silos do lateral da Epístola, estruturas seme cilíndricas co interior como aquelas e o exterior semellando remaches metálicos, con aberturas de ollos de boi. Lémbranos os búnkers diseminados polo territorio sueco do que nos ten falado Xosé Luís a propósito das súas exposicións en 2019 no Museo de Arte Moderno de Liljevalschs en Estocolmo, e que xa tiñan que ver co silencio de Deus. E co Ingmar Berman de Skammen. Eis, todo, un fulcral parladoiro ante a kénosis de Deus.

Te puede interesar