Baltar defende en Austria a capacidade de Ourense para organizar a Coupe de la Jeunesse de remo

Manuel Baltar na Coupe de la Jeunesse en Austria
photo_camera Manuel Baltar na Coupe de la Jeunesse en Austria
O Parque Náutico de Castrelo de Miño acollerá a principios de agosto de 2022 a máis prestixiosa proba internacional de remo

A decidida aposta pola promoción internacional das láminas de auga do río Miño para o deporte do remo, as novas instalacións das que se disporá para a práctica desta modalidade deportiva, a estratéxica situación da provincia en materia de comunicacións, a dispoñibilidade de prazas hoteleiras e o elevado interese turístico do territorio cos seus recursos naturais e patrimoniais constitúen os eixos da candidatura que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu hoxe en Linz (Austria) para que o Parque Náutico de Castrelo de Miño acolla a principios de agosto de 2022 a máis prestixiosa proba internacional de remo: a Coupe de la Jeunesse. 

Manuel Baltar encabezou a delegación integrada pola presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, e os representantes de Caldaria Hoteles e da empresa náutica Xouva, Vincent Boyer e José Manuel Ballesteros, que esta fin de semana acudiron á localidade austríaca, onde se está a celebrar a regata de 2021 coa participación de máis de 500 deportistas en representación de 16 países. Unha visita, dixo Baltar, “que nos permite coñecer en directo e polo miúdo a organización e desenvolvemento da proba, pero sobre todo demostrar o interese que Ourense ten en acoller a próxima edición”. 

Valoración positiva

Ante os máximos dirixentes da Coupe de la Jeunesse, que fixeron unha moi positiva valoración da candidatura ourensá, o presidente provincial defendeu a capacidade organizativa e o compromiso da Deputación de Ourense co Parque Náutico de Castrelo de Miño, onde en colaboración co concello e coas federacións galega e nacional, “estamos situando a este espazo como o escenario perfecto para a práctica do remo e do piragüismo, tanto en España como no resto de Europa”. 

Baltar significou que o río Miño e tanto as instalacións de Castrelo como de Laias e Arnoia, “foron escollidas polas mellores seleccións nacionais para preparar nas nosas láminas de auga os diferentes campionatos internacionais e mesmo as Olimpíadas, o que da perfecta conta do traballo que estamos a realizar. Un labor que exemplificou no próximo investimento de 576.000 euros, xa consignados nos orzamentos da Deputación, para instalar unha pista de remo que dotará ao complexo de Castrelo de Miño cun campo de regatas de categoría internacional, con oito liñas de competición, instalacións de primeiro nivel para os xuíces, balizas conforme ás normas internacionais, oficinas para o comité de regatas ou canles de circulación segura para a navegación. “Unhas novas instalacións que suporán unha importante mellora tanto a nivel funcional como operativo e técnico, reforzando a condición do parque náutico de Castrelo de Miño non só como referente nacional, senón tamén como unhas instalacións punteiras a nivel internacional”, remarcou. 

Te puede interesar