Crónicas do asfalto

San Martiño 2021 | Non quedar coas ganas

Agotada, pero satisfeita de roubarlle dun bico seis minutos á San Martiño de 2019 (MIGUEL ÁNGEL).
photo_camera Agotada, pero satisfeita de roubarlle dun bico seis minutos á San Martiño de 2019 (MIGUEL ÁNGEL).

Que terá de máxica a San Martiño que quen a correu unha vez repite sempre e quen non a probou acaba soñando con ela?

Case dous anos despois esperto de madrugada con nervios de principiante. É a miña novena San Martiño. Este ano estou en boa forma física, pero a moi poucos lles contei que había posibilidades reais de facer un bo tempo. Xa saíu o sol cando boto o pé fora de casa, pero nas rúas outras edicións tomadas polos corredores hoxe só resoan as resacas do magostos celebrados o sábado. É unha San Martiño diferente sen carreira infantil e con só dous mil participantes. Nas inmediacións dos Remedios xa se sente o ambiente festivo e competitivo doutros anos. O sol quéntanos e ímonos colocando na quenda que nos corresponde. Somos menos, pero as ganas están aí, todo o mundo quere correr. Tócame saír, xa non hai volta atrás nin tempo para dubidar.

Os pulmóns van lixeiros e as pernas responden dende os primeiros metros. Boas sensacións subindo por Xesús Pousa Rodríguez. Adiántannos os marines de ENKI que levan a Olga Prado Fraguas. A miña absoluta admiración para esta atleta cuxo amor pola San Martiño é maior que a ELA que padece. Moitos lazos verdes colgados dos dorsais ou das mans; corremos por e para vós. Polas Caldas abaixo comprobo que vou a bo ritmo, a pouco máis de seis minutos o quilómetro. Esta vez non quedo coas ganas, dígome a min mesma. Somos cabalos atravesando o Miño pola Ponte Vella, bestas salvaxes baixo o sol de novembro. Miña irmá e meu marido berran o meu nome á altura de Salesianos. Case non me atrevo a miralos por se perdo a concentración. Progreso recíbenos coa súa particular criba ata a Alameda. Aquí ou vas ben ou tocará sufrir. Adianto a corredores e corredoras. En Doutor Fleming collo folgos aproveitando a leve baixada mentres busco a meus pais no balcón do seu piso. Teño medo de baleirarme antes de tempo. Cae o tres e vou embalada cara o quilómetro catro. Xusto antes do catro unha muller chámame “mociña”; se ela soubera que os corenta xa me axexan polo retrovisor. Resisto na subida da ponte de Marcelo Macías, adianto a xente e chego ao cinco coa certeza de que este ano calquera cousa pode pasar. 

O público anímanos en cada esquina como se nos empurrasen, amigos e descoñecidos que tamén veñen con nós. Todo Ourense correndo a San Martiño. Aperto por Bonhome, agora chegan os quilómetros máis rápidos. Voamos pola Praza Maior rumbo ao Paseo. Cae o sete e eu sigo adiantando xente. Había anos que non me sentía tan ben correndo. En Castelao agarda o quilómetro oito e agora si sinto que vou xusta de folgos. Pero nada importa porque eu non corro contra o tempo, eu corro con el. Atrás queda a Escola de Idiomas mentres enfilamos a Ponte Nova. O quilómetro nove chíscame un ollo na tortura que é a subida do Blanco Amor. É o peor momento para min. Pican as pernas e o peito quéixase. Vou na reserva, aguanto e intento dosificarme rodeando o parque da Ponte. Non sei se serei quen de “esprintar” este ano. 

A derradeira costa da Ponte Vella paréceme un Everest inalcanzable. De onde sacas forzas cando xa non che quedan? De outros. De quen cruzou esa ponte cando case non podía camiñar, dos que xa non están, dos que agardan por min na meta e dos que virán. Unhas nenas pídennos que lles choquemos a man xusto ao comezo da ponte. Sorrío. Sae a lava do profundo, de onde se acadan os imposibles. Animan mentres acelero con furia para entregarme a ese abrazo invisible que é a meta. E roubarlle dun bico seis minutos á San Martiño do 2019.

Te puede interesar