RUNNING

Oito razóns para correr a San Martiño

Una marea de corredores percorre a emblemática Ponte Romana da cidade de Ourense (XESÚS FARIÑAS)
photo_camera Una marea de corredores percorre a emblemática Ponte Romana da cidade de Ourense (XESÚS FARIÑAS)

Hai xente que agarda cada ano a chegada do anuncio da lotería de Nadal. Outros soñan coas vacacións de verán ou que sexa agosto para o inicio da liga de fútbol. E uns cantos valentes contamos os días e as horas que faltan para este domingo

Hai xente que agarda cada ano a chegada do anuncio da lotería de Nadal. Outros soñan coas vacacións de verán ou que sexa agosto para o inicio da liga de fútbol. E uns cantos valentes contamos os días e as horas que faltan para este domingo. Porque o domingo celébrase en Ourense a 38ª Carreira Pedestre San Martiño. Estas son algunhas das razóns polas que este evento debería ser imprescindible no teu calendario.



É un reto. Non se trata dunha maratón de corenta e dous quilómetros para a que sería imprescindible unha preparación física e alimentaria de moitos meses. Calquera pode atreverse a correr a San Martiño co único obxectivo de rematala. Se es un/unha atleta experimentado/a o teu incentivo será, sen dúbida, mellorar a túa marca persoal. Dentro deste tipo de estímulos tamén se atopa o feito de picarse cos colegas para ver quen consegue o mellor tempo. Este saudable pique tamén o podes manter co teu mozo, sobre todo cando tes probabilidades de seres máis rápida ca el.


A San Martiño é para todos. Como indica o seu nome, é unha carreira popular, para calquera, teñas a idade que teñas. Non te estrañes se a metade de carreira te adianta algún corredor de máis de sesenta anos mentres ti xa vas coa lingua fóra. Hai toda case de corredores, máis profesionais, menos preparados, pero todos compartimos percorrido porque este vén sendo outro dos seus atractivos e do seu éxito. Tamén é unha carreira para toda a familia. Cada vez son máis os pais e nais que participan na proba absoluta para despois ver como como corre a súa prole na proba escolar, de 4,7 quilómetros, ou na proba de cativos, 1,4 quilómetros.



Porque correr engancha. É un deporte que podes practicar só ou en compañía e en calquera lugar. É unha forma barata de manterse en forma sen pisar o ximnasio. En Ourense son varias as rutas para adestrar, polas ribeiras do Miño (Reza, Outariz, Oira) ou do Barbaña e Barbañica. Se non che abonda con correr un par de veces por semana, sempre podes inscribirte nas carreiras de Correndo por Ourense que ao longo da primavera e verán se celebran polos barrios da cidade e que saciarán as túas ganas de competir ata que chegue a San Martiño.



Pola organización. Posiblemente este sexa o motivo principal do éxito desta carreira, que xa é un dos eventos deportivos máis importantes da cidade e con fama a nivel nacional. O Consello de Deportes da nosa cidade afánase na súa preparación, nos días previos (a Feira do Corredor) e durante o propio día da carreira convertendo o Pavillón dos Remedios en centro neurálxico da cidade. Trátannos a todos os corredores como auténticos profesionais. Sexas da cidade ou de fóra, tes todo tipo de facilidades para recoller o teu dorsal. Ata fai pouco o premio por cruzar a meta era a camiseta da San Martiño, prezado tesouro que moitos coleccionaban e lucían con orgullo. Camiseta que agora se recolle antes da carreira xunto co dorsal. Unha vez cruzada a meta agárdanos o avituallamento e a posibilidade de facer uso dos vestiarios do Pavillón.



O trazado. É unha carreira que acaba onde empeza, non se repite ningún quilómetro (agás o tramo final). Este pequeno detalle é importante, porque as carreiras nas que o corredor se ve obrigado a repetir gran parte do percorrido fanse bastante monótonas e lentas. Aínda que esteamos fartos de cruzar a Ponte Vella, a Praza Maior ou o Paseo, facelo sen tráfico e rodeados de xente que te anima é algo distinto e que rompe coa nosa visión habitual da cidade. A isto súmaselle o feito de que moitos participantes chegados doutras rexións (Andalucía, Cantabria, etc.) quedan, literalmente, marabillados durante o transcurso da carreira. Moitas veces pensamos que o de fóra é mellor que o de casa, soñamos con viaxar a Nova York para participar a maratón ou a San Silvestre en Madrid e esquecemos que xa temos en casa esa carreira na que se mestura o atractivo da cidade co deporte.



Sempre hai quen te espera na meta. É un dos mellores momentos. Cando só che quedan apenas 100 metros para atravesar a meta, cando fas o derradeiro esforzo e sacas forzas de onde non as tes, nese momento é cando escoitas a algún dos teus amigos ou familiares berrando como auténticos hooligans o teu nome como se estiveses a piques de gañar. Os máis entregados perseguirante por todo o percorrido para inmortalizar a túa carreira. Son os chamados coche vasoira. Acompáñante mentres realizas o quecemento os minutos antes da saída, son os encargados de coidar das túas pertenzas e recíbente cun paquetiño de churros ben quentes.


Queres repetir. Unha vez cruzada a meta, nada máis recuperar os folgos, no teu cerebro xa estarás a soñar coa carreira do próximo ano. Contarás os días que faltan coa ilusión dun neno que espera polo Nadal. Ao volver das vacacións de verán en setembro, mentres todo o mundo se queixa pola volta á rutina, ti serás feliz pensando que só quedan dous meses para o gran momento. Sufrirás se as semanas anteriores á carreira a gripe se ceba contigo ou se unha tendinite ameaza con deixarte sen correr. Pouco importará que as previsións meteorolóxicas vaticinen o diluvio universal ou unha ola de frío polar. Farás o imposible por non perderte a San Martiño. É inevitable, esa é a súa maxia.



Non es de Ourense se nunca corriches a San Martiño. Ser ou vivir en Ourense e non ter corrido esta carreira é o equivalente a non ter celebrado un magosto en Montealegre ou disfrazarse polo Entroido; un auténtico sacrilexio. Porque a San Martiño é unha experiencia única.

Te puede interesar