CRÓNICAS DO ASFALTO

Soidade e auga na San Martiño

<p></p>
photo_camera Un grupo de participantes durante os primeiros metros da edición 40 da San Martiño

Dez quilómetros de proba dan para moito, para pensar nunha retirada, esquecerse de coller auga a pesar da molladura e superar adversidades e retos persoais

Esperto co ruido da chuvia no patio de casa. Xa está saíndo o sol, pero eu non me atrevo a mirar a hora. O ceo rómpese sobre Ourense, vai ser inevitable que nos mollemos. Almorzo, dúchome e estiro no salón. Aínda teño a pernas cargadas, erro de planificación.

Polas Caldas abaixo a xente fuxe da auga coma vampiros do sol. Un grupo toca a carón da Ponte Vella. Ríos de auga caen polo seu empedrado mentres nos cruzamos con Alejandro Fernández que remata o seu quecemento cun compañeiro. Penso no sol que debe lucir a esa mesma hora en Algeciras, por alí abaixo anda miña irmá, é a primeira vez en seis anos que non nos fai de coche vasoira. Un instante de morriña e aínda chove con máis forza. Parada técnica nos aseos antes de tirar o chuvasqueiro e un bico de sorte antes de adentrarme na marabunta de corredores.

Somos unha marea de linóleo subindo pola Ponte do Milenio, por Xesús Pousa. Alí engánchome detrás dun veterano. Leva un chuvasqueiro gris escuro e as pernas esculpidas pola experiencia. O primeiro quilómetro queda atrás. Completamente calada atraveso, outra vez, a Ponte Vella, non deixo de mirar os pés. Caer é máis fácil do que parece. En Progreso xa empezo a sentir como me arden os xemelgos. A altura da Alameda deixamos de ser regados. Eu sigo detrás da miña lebre, pero cometo o erro de acelerar o ritmo en Doutor Fleming.

Cae o quilómetro 3. Ervedelo, Avenida de Portugal coas súas costas namentras os da Legión que non paran de ouvear. A tentación fai a súa primeira aparición aproveitando a miña debilidade. Debo esquecerme de todo e de todos, centrarme no meu ritmo e non pensar. Uns de carallada, outros sufrimos.

Despois de Marcelo Macías por fin cae o quilómetro cinco. Xa levo trinta e dous minutos correndo. Morro coa sede, toda unha incoherencia logo da chaparrada caída nos primeiro quilómetros. Despístome e non collo auga no punto de avituallamento. Pídolle un grolo a unha muller que vai a bo ritmo diante miña. Dubida e ao final déixame beber. Doulle as grazas sabendo que xa non lle verei máis o pelo. Por Bonhome a tentación de parar golpéame con forza. Parar e abandonar. Para que seguir correndo se xa sei que non vou facer unha gran marca? Alguén lle comenta á súa compañeira que o queda é un paseo.

Chegamos á zona vella. Praza Maior, Lamas Carvajal, Paseo. Levo ferro nas pernas, pesan e sinto que me afundo. Esta é gran verdade de correr: a soidade do corredor. Esa que esquivamos nas nosas rutinas aquí desnúdanos. Ninguén pode facer o camiño por ti. Por moito que te animen, se renuncias todo está perdido.

Quilómetro 7 e empezo a ver a luz. Teño que rematar como sexa, como se chego a última. Seguen a fallarme cando chego ao quilómetro 8. Foise a chuvia, pero eu levo o Miño nos pés. Adiántame un pai co seu rapaz por debaixo do viaducto. Falan de ir adestrar o luns ou o martes. Cruzo a Ponte Nova cunha dor de pernas que me berra que o deixe, que xa está ben de resistir.

O instituto do Blanco Amor paréceme un castelo dende a miña posición. O meu reloxo marca cincuenta e oito minutos. Volvo a vista cara atrás, non consigo ver a bicicleta que vai os derradeiros. Subo Vicente Risco ao límite dos calambres. Rodeo o parque da Ponte por inercia; na Ponte Vella aínda seguen a tocar os rapaces do principio da carreira. Respiro ao ritmo da batería, por fin cheiro a meta. Andrés anímame, non son quen de esprintar. Cando atraveso a meta exhalo como se levase unha hora e sete minutos metida nunha piscina. Estou baleira, esa era a miña aspiración este ano.

Onde eu cría que só había frustración e rabia por unha oposición fallida descubro que hai capacidade para aguantar o indecible ata a meta. Cambiome de roupa mentres aínda seguen chegando corredores e corredoras.

Os últimos sempre seremos os primeiros.

Te puede interesar