Crónicas do asfalto: O tempo e eu contra outros dous, na San Martiño

Cando unha cumpre as expectativas non pode máis que celebrar o éxito ao cruzar a liña de meta.  MARTIÑO PINAL
photo_camera Cando unha cumpre as expectativas non pode máis que celebrar o éxito ao cruzar a liña de meta. MARTIÑO PINAL
Estiro en casa mentres pola fiestra vexo xente quecendo na rúa. Baixo cedo cara o Pavillón dos Remedios e non deixo de pensar no rápido que esquecemos que pasamos case dous anos presos en casa


Non sempre querer é poder, non sempre conseguimos o que ansiamos, pero esta é a crónica de alguén que sabe, sinte e intúe que esta vez si vai ser ese momento de satisfacción persoal. Algo tan sinxelo como superar a miña mellor marca persoal na San Martiño. 
Esta edición supón a miña undécima San Martiño e volvo os ollos ao 2012, a aqueles 58 minutos de tempo neto, 59 de tempo oficial, insuperables durante anos. Perségueme a idea de baixar ese tempo en cada carreira do Correndo por Ourense na que participo. Pero o máis complicado non é a preparación, nin a motivación, é aceptar que en competición calquera cousa pode pasar. 

Estiro en casa mentres pola fiestra vexo xente quecendo na rúa. Baixo cedo cara o Pavillón dos Remedios e non deixo de pensar no rápido que esquecemos que pasamos case dous anos presos en casa. Benditas vacinas. Ducias, centos, miles de corredores. Esta si é a normalidade soñada. A néboa vaise erguendo ao tempo que nos situamos detrás da liña de saída. Música para calmar os nervios e alegrarnos. Saimos e un dron grávanos; saúdo alegre como cando te dás conta que saes no vídeo marcador dun campo de fútbol. 

A miña estratexia é manter un ritmo constante inferior aos 6 minutos por quilómetro. Toca esquivar xente por Xesús Pousa Rodríguez e polas Caldas e ir quentando os pulmóns. Somos unha marea de cores pola Ponte Vella. Progreso ata a Alameda sempre é un tramo esixente, pero vou ben, a 5’30’’ cando miro o reloxo. Caen o quilómetro 2 e o 3 en Doutor Fleming. Quero chegar ao 5 por debaixo dos trinta minutos. Aperto o ritmo por Ervedelo e pola Avenida de Portugal. Dáme a sensación de que vou lenta, pero o reloxo non minte, sigo co ritmo marcado. Nunca corrín tan rápido a San Martiño. Caen o 4 e o 5, o reloxo marca 28 minutos. Aguantarei ata meta sen perder forzas e tempo? Asáltanme as dúbidas por Bonhome. Estamos no quilómetro 6 e empezan a adiantarme os que chegarán antes dos cincuenta e cinco minutos. Pero o reloxo bérrame que me centre, que aguante o ritmo que levo fagan o que fagan os demais. Vou incómoda aínda que me manteño por debaixo dos 6 minutos por quilómetro. A xente anima polo Posío mentres a marea avanza imparable por diante do Otero Pedrayo e da zona vella ata que unha música atronadora nos recibe na Praza Maior. 

GRAN SUFRIMENTO

Eu non quero música, só quero oírme respirar. A incomodidade continúa abrazada ao meu peito por Lamas Carvajal, polo Paseo aínda que continúo coa miña estratexia. Sufro, pero é que correr tamén é isto; non só é un esforzo físico, é mental. Xa imos polo 7, pasamos por diante do Parque de San Lázaro e eu só quero deixar de estar abouxada. 

Recupero sensacións por Cardenal Quiroga e por Castelao. Cruzamos o 8 e agora só escoitan respiracións e pegadas contra o asfalto. As pernas deberían empezar a fallar como fallaron outros anos, pero este ano non cometín o erro de cargalas de rodaxes e adestramentos a semana antes da carreira. Volvemos voar por diante da Escola de Idiomas, da rotonda da Policía Nacional. Ofrécennos laranxa como nos ofreceron auga á altura do quilómetro 5. Dubido moito que haxa organización mellor, público que anime máis. 

Como non sentirse gañadores fagas o tempo que fagas?O rompe pernas de Vicente Risco é o derradeiro gran obstáculo. Comeza o quilómetro 9 e agora si é momento de comezar a soñar. Xiro o Parque da Ponte, Caldas outra vez, a derradeira subida na Ponte Vella.

Sigo aguantando ata estar a altura de Salesianos e aí é cando me deixo levar  como unha nena que se entrega feliz ao abrazo do pai, déixome arrastrar polos berros de “Eli! Eli!” de amigos e familia. O tempo estírase e a rabia de xullo transformase en euforia desmedida. O cronómetro da meta marca 58’14’’, un tempo neto é de 56’57.
Quedo a ver a carreira escolar ata ver chegar á miña sobriña, a miña Pauli, para ouvearlle antes de que encare a liña de meta da proba. Esa mirada, a determinación de rematar o que te propós pase o que pase. Saboreo o conseguido para min mentres volvo a casa. Todo era cuestión de tempo. 

Te puede interesar