Kaká Bezerra recibe a alta e Vázquez espera recuperar a Luisinho e Arizmendi

O brasileiro Kaká Bezerra, central do Deportivo, recibiu hoxe a alta médica despois de superar unha lesión muscular e estará a disposición de Fernando Vázquez no domingo ante o Hércules, un encontro en que o técnico espera poder contar co luso Luís Carlos Correia 'Luisinho' e Javier Arizmendi.
Kaká recuperouse das súas molestias no abdutor medio da coxa esquerda que lle impediron participar nos catro últimos encontros: tres da Liga Adelante -Murcia, Sporting de Xixón e Alcorcón- e un da Copa do Rei -Córdoba-.

Ademais da volta do central brasileiro, o técnico branquiazul confía en que se recuperen outros xogadores que arrastran molestias e que hoxe non completaron a sesión co grupo.

É o caso do lateral portugués Luisinho, que no puido xogar no encontro perante o Alcorcón por unha elongación, e do dianteiro Javier Arizmendi, que arrastra molestias nos isquiotibiais.

Tamén estará dispoñíbel o central Carlos Marchena, que disputou os primeiros minutos da tempada no pasado domingo e que hoxe se retirou por precaución antes do final da sesión.

O que está descartado para a visita ao Hércules é a última fichaxe do equipo, o centrocampista Antonio Núñez, cunha lesión de grao un na rexión distal do xemelgo interno da perna esquerda.

Fóra do grupo tamén adestraron os xogadores con ficha do filial Jesús Cañizares 'Cañi', que sufriu unha escordadura de nocello nun adestramento, e Uxío Marcos, que fracturou os ósos propios do nariz no partido de Copa perante o Córdoba.

Te puede interesar