A conselleira de Facenda pediu máis estabilidade nos recursos para impulsar o crecemento

Currás reclama ao Goberno un financiamento racional

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, apelou onte á necesidade de recursos e dun financiamento racional, estable e sostible para poder levar a cabo un proxecto económico que empurre o crecemento tanto a curto como a longo prazo. Durante a clausura do Congreso Internacional de Economía Aplicada, Icabe, Fernández Currás criticou o entorno financeiro marcado polo Goberno central, que reduce a marxe e a certidume dos recursos a medio prazo, non só pola súa política económica que determina os recursos autonómicos, senón tamén polo xogo perverso das entregas a conta e as autorizacións de endebedamento.
A titular de Facenda defendeu o establecemento dunha estratexia equilibrada na que ás comunidades autónomas se lles permita transitar tres fases nun período de duración de entre 5 e 10 anos. Lembrou que na primeira as autonomías deberían completar unhas estruturas máis austeras, tanto na Administración Xeral como na Institucional, 'tarefa na que Galicia xa é pioneira', resaltou. Engadiu que un segundo proceso, xa iniciado, terá que permitir gañar eficiencia en todos os procesos, sobre todo en sanidade e en educación. Referiuse a un terceiro proceso, 'máis profundo', que require unha análise do custe dos servizos públicos fundamentais.

Te puede interesar