Fenosa situará en Vigo un centro de iniciativas innovadoras en materia hidráulica e mariña

A empresa prevé operar unha potencia instalada de 3.000 MW en 2016, tras unha inversión superior a mil millóns e tras xerar máis de 2.000 empregos
A filial de enerxías renovables de Gas Natural Fenosa situará na cidade de Vigo o Centro de Excelencia Hidráulico e Mariño (CEH), que se encargará de impulsar e canalizar iniciativas innovadoras de universidades, empresas e centros de investigación que poidan ser trasladadas nas fases de desenvolvemento ou explotación ás instalacións do grupo a nivel mundial, segundo informou a empresa nun comunicado.

Así o decidiron os directivos de Fenosa, a empresa con sede na Coruña que agrupa e xestiona os activos eólicos e de coxeración, biomasa e residuos sólidos en desenvolvemento e explotación en Galicia e os activos hidráulicos e mariños de todo o grupo no mundo.

O Centro de Excelencia Hidráulico e Mariño busca impulsar actividades que favorezan unha posición de liderado mundial no coñecemento das tecnoloxías, materiais e procesos relacionados co aproveitamento da enerxía hidráulica convencional e mariña.

A constitución do CEH tivo lugar o pasado 20 de decembro de 2011 e ata a data avaliou un total de 33 propostas procedentes das unidades directamente implicadas no centro, das que están en desenvolvemento varias nos ámbitos de medio ambiente, seguridade de presas e tecnoloxías de velocidade variable en instalacións hidráulicas.

PERSPECTIVAS
Fenosa traballa actualmente na incorporación gradual de activos á sociedade. Recentemente, a empresa enerxética adquiriu o Parque eólico de Alto do Seixal, situado en Lugo, e cunha potencia de 30 megavatios xa en operación.

Por outra banda, Fenosa efectuará as funcións de explotación, operación e mantemento de todos os activos de xeración hidráulica convencional e mariña en todo o mundo. Esta xestión global realizarase dende Galicia e dende unha sede que se definirá proximamente, tras finalizar o proceso de desenvolvemento de sistemas que dará soporte a este centro de control integrado.

No horizonte de 2016, Fenosa operará unha potencia instalada de 3.000 megavatios, cun volume de ingresos de 500 millóns de euros, executando os proxectos incluídos no seu Plan Estratéxico, partes dos cales están xa en tramitación.

A empresa prevé que nesa data se investirían máis de 1.000 millóns de euros e nesa data se xerarían máis de 2.000 empregos, tanto na operación e mantemento coma na construción dos novos proxectos, ata alcanzar os 4.500 megavatios no ano 2020.

Coa inversión realizada, a empresa enerxética estima que podería xerarse un negocio inducido no ámbito da comunidade galega duns 360 millóns de euros.

Te puede interesar