A Fiscalía de Galicia iría ó TC para 'protección efectiva' afectados preferentes

O fiscal xeral de Galicia, Carlos Varela, asegurou no Parlamento que desde o seu estamento se esgotarán todas as vías xudiciais para defender os afectados por participacións preferentes, e dixo que non descarta acudir ao Tribunal Constitucional (TC) en defensa da 'protección efectiva' dos consumidores.
Varela compareceu esta mañá na Comisión de Xustiza da Cámara galega para informar da memoria da Fiscalía do ano 2011.

No caso das preferentes explicou que a decisión de presentar unha demanda colectiva evitaría o colapso dos xulgados de Galicia con miles de procedementos individuais.

Neste sentido, dixo que a Fiscalía Xeral de Galicia presentou unha demanda colectiva pola vía denominada 'de intereses difusos' para solicitar a nulidade dos contratos de preferentes e a devolución do diñeiro aos prexudicados.

Varela afirmou que a devandita demanda, rexeitada en primeira instancia por un xulgado da Coruña, puido 'asustar' o órgano xudicial, principalmente no referido ao 'escenario de execución'.

Esta circunstancia, a xuízo do fiscal, 'pesou moito' na decisión xudicial, que sostivo na resolución que a Fiscalía só estaba lexitimada para solicitar a acción de nulidade pero non as de cesación e resarcimento, como tamén propuña na demanda.

'O que lle pedimos ao xulgado é que aplique a lexislación comunitaria, que di que cando o xulgado declare que os efectos dunha práctica abusiva seguen subsistindo o que ten que facer, de oficio, segundo o Tribunal Europeo, é declarar a nulidade do contrato e a conseguinte liberación dos depósitos', afirmou.

Subliñou que o Tribunal Constitucional español prevé, nun dos seus artigos, que 'a protección aos consumidores ten que ser efectiva' e, neste sentido, dixo que 'a lexitimación do Ministerio Fiscal para a tutela do dereito dos consumidores suporía un recoñecemento por parte do Constitucional que non se nos pode negar'.

Durante a súa intervención o fiscal xeral de Galicia aludiu tamén á necesidade de 'reaccionar' fronte ao 'flaxelo' da corrupción, e establecer a obrigatoriedade de instrumentos de control en todas administracións e organismos encargados da xestión do diñeiro, subvencións ou patrimonios públicos.

'Non é suficiente con expresar boas intencións e lanzar propostas inconcretas e xenéricas. Temos que ser capaces de limitar drasticamente as ocasións e oportunidades que conducen a estes delitos', apostilou.

Carlos Varela referiuse tamén á futura cartografía de Xustiza de Galicia, e considerou que o futuro mapa xudicial debe adaptarse ás demandas socioeconómicas do século XXI, 'as cales-opinou- van ser moi pouco respectuosas coa ordenación territorial'.

O fiscal defendeu 'un mapa integrado', desde o punto de vista administrativo e xudicial, e propuxo que se faga a través dun relatorio de expertos en ordenación do territorio.

Con respecto á violencia machista, Varela propuxo a implantación de accións concertadas, co obxectivo, entre outras cousas, de protexer as vítimas, condenar os agresores, coñecer e previr o fenómeno, ou ampliar a cualificación dos profesionais.

Por último, o fiscal dedicoulle unha mención especial á protección do patrimonio cultural, e instou a atender 'canto antes' a proposta da propia Fiscalía titulada 'Igrexa segura, cultura protexida', co fin de buscar solucións ao problema da falta de seguridade do patrimonio depositado nos recintos relixiosos.

Te puede interesar