Fomento abre unha oficina para atender os afectados do tren que descarrilou en Santiago

O ministerio de Fomento abriu unha oficina de atención aos afectados do tren Alvia Madrid-Ferrol que descarrilou en Santiago o pasado mércores, co obxectivo de resolver as dúbidas de calquera persoa afectada directa ou indirectamente, segundo informou o Ministerio.


A oficina, que se atopa no número 6 da avenida de Barcelona en Madrid, dentro das instalacións de Renfe, xa se atopa aberta ao público de luns a domingo en horario de 9 a 21 horas.

Ademais, a oficina tamén puxo a disposición dos afectados o teléfono 900 101 660 e o correo electrónico [email protected] para aquelas persoas que non poidan acudir a Madrid.

Os afectados poderán consultar tanto dúbidas relacionadas co seguro dos viaxeiros como relacionadas coa equipaxe do tren accidentado. Na oficina tamén estarán presentes especialistas que prestarán axuda psicolóxica e que ofrecerán información sobre asuntos médicos.

A constitución da oficina decidiuse na reunión que a responsable do Ministerio, Ana Pastor, mantivo este luns cos equipos técnicos de Renfe, Adif e os altos cargos do Ministerio de Fomento.

Na reunión estiveron presentes o secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Rafael Catalá; o subsecretario do Minsiterio, Mario Garcés, e os secretarios xerais de Infraestruturas e Transportes, Manuel Niño e Carmen Librero, respectivamente.

Segundo informou Fomento nun comunicado, no encontro analizáronse as actuacións do Ministerio tras o 'tráxico accidente ferroviario' acontecido o pasado mércores. Ademais, decidiuse crear a Oficina de Atención ás Vítimas.

Te puede interesar