A galega Inasus construirá parte dun novo edificio de Heathrow

A empresa galega Inasus fíxose co contrato para construír o cerramento do aeroporto internacional de Heathrow, en Londres, informou a firma.
A empresa, que este ano cumpre o seu corenta aniversario e forma parte do grupo da familia Cuiña, de Lalín, será a encargada de construír a fachada da terminal T2A do aeroporto londinense, un proxecto dos arquitectos Foster Partners e Luis Vidal asociados.

O contrato para a realización desta obra foille concedido a Inasus por parte da UTE entre Ferrovial Agroman e Laing O Rourke. Ten un orzamento inicial de 20 millóns de euros e un programa de execución dun ano. As solucións para as fachadas da nova terminal parten de sistemas específicos desenvolvidos por Inasus, agrega a firma.

Entre as complicacións de encarar un proxecto das dimensións do que vai levar a cabo Inasus figura a 'dureza' das especificacións solicitadas pola propiedade British Airport Authorities, que levaron a Inasus S.L. a crear unha compañía subsidiaria no Reino Unido: Inasus UK Ltd.

Con esta nova firma, ademais de intermediar nas distintas operacións económicas do proxecto, tamén se establecerá unha oficina permanente en Londres.

O novo edificio substituirá a vella terminal 2 e o edificio Queens Building, construídos nos anos 50, e terá unha capacidade de 20 millóns de pasaxeiros anuais e contará cun innovador deseño que permitirá reducir nun 40 por cento as emisións de CO2.

O proxecto da T2A inclúe o deseño e a construción do novo edificio, as plataformas para estacionamento de aeronaves, a conexión co edificio satélite T2B, a estrada de acceso, unha nova estación de produción de frío e todos os servizos afectados.

Te puede interesar