Crearán un grupo técnico de traballo para plantexar a alternativa española ante Bruxelas

Goberno e autonomías terán voz única para negociar a PAC

O Goberno e as comunidades autónomas traballarán para xerar unha posición común española sobre a reforma da Política Agraria Común (PAC) máis alá do 2013, segundo manifestou onte en Madrid a ministra de Medio Rural, Rosa Aguilar.
Aguilar así o propuxo ao termo do Consello Consultivo de Agricultura, ao que asistiron as comunidades de Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura, Galicia, A Rioxa e Comunidade Valenciana.

A ministra destacou que o seu departamento e as comunidades autónomas están decididas 'a ir da man 'para fortalecer a posición de España 'en relación ao traballo que queda por facer' sobre a reforma da PAC, polo que conformarán un grupo de traballo técnico que analice os elementos esenciais da comunicación de Bruxelas. Así mesmo, explicou que, unha vez que conclúan os traballos, realizarán dúas xornadas de traballo, unha coas comunidades e outra na que ademais estarán as organizacións agrarias, as ONG, os grupos parlamentarios e os eurodeputados.

Segundo Aguilar, a reunión do Consello Consultivo foi 'extraordinariamente positiva e construtiva', e nelas todas e cada unha das comunidades manifestou a súa 'vontade inequívoca' de xerar unha posición común para que España leve unha estratexia global sobre o futuro da PAC no marco da UE.

O conselleiro de Medio Rural da Xunta, Samuel Juárez, destacou que, a pesar de existir certas diferenzas, hai unha 'sintonía' de todas as comunidades autónomas en relación a aspectos xerais do documento sobre a PAC, como a vinculación das axudas directas á actividade agraria ou a necesidade de reforzar o papel dos agricultores na cadea alimentaria.

O conselleiro de Agricultura de Castela-A Mancha, Martínez Guijarro, considerou que a comunicación da Comisión é un 'bo' documento de partida porque responde a algunhas das cuestións que propuxeran, como a aposta polos agricultores profesionais, aínda que 'falta algo fundamental, que é o orzamento e como se vai distribuír'.

A conselleira de Agricultura e Pesca de Andalucía, Clara Aguilera, sinalou que todas as comunidades mostraron a súa 'boa' disposición para chegar a unha 'columna vertebral' común e que é un documento que analiza ben os problemas, pero que haberá que ver como se define en medidas e orzamento.

Pola súa banda, o conselleiro de Agricultura e Desenvolvemento Rural de Estremadura, Juan María Vázquez, subliñou que a ministra expresou o seu desexo de traballar para acadar un consenso entre todas as rexións e que se creou un grupo de traballo no que se analizarán as posicións para elaborar un documento definitivo de cara ao futuro da PAC.

Te puede interesar