Mar contempla Aldán para a batea depuradora

A Consellería do Mar anunciou onte que somete a información pública a orde pola que se declaran e clasifican as novas zonas de reinstalación de moluscos bivalvos procedentes de zonas C, en Aldán e Ferrol.
O departamento que dirixe Rosa Quintana publicou na súa páxina web o borrador da Orde para posibles alegacións.
O borrador recolle que a zona comprendida entre a liña imaxinaria que une cabo Prioriño Chico e punta Coitelada e a liña imaxinaria que une a punta San Carlos e punta Segaño, na parte externa da ría de Ferrol, son aptas para colocar a batea de reinstalación. A maiores, o documento tamén reflicte que as cuadrículas 44 e 45 do polígono de Cangas-A situadas en Aldán, a carón da Ría de Pontevedra, tamén son aptas para desenvolver nelas o sistema de reinstalación.
Unha vez publicada a Orde no Diario Oficial de Galicia, as confrarías interesadas poderán trasladar os moluscos das zonas C á zona de reinstalación para a súa depuración e posterior venda en fresco.
A Consellería do Mar estima que permitirá recuperar en Galicia unha produción dunhas 450 toneladas anuais máis de moluscos bivalvos que xerarían arredor de 6 millóns de euros de valor no mercado. O departamento que dirixe Rosa Quintana lembra que esta nova fórmula dá un trato máis igualitario permitindo que todos os mariscadores de Galicia de confrarías que contan con zonas C teñan a posibilidade de rexenerar zonas e de producir máis.
O novo sistema da cumprimento ao Regulamento do Parlamento Europeo polo que se establecen normas de hixiene dos alimentos de orixe animal e no que se contempla a viabilidade da extracción do molusco para consumo en fresco sempre que se reubique previamente nunha zona declarada de reinstalación.

Te puede interesar