O operador galego R medra en número de clientes aínda que baixou a marxe de beneficio

O operador galego R creceu en 2013 en número de clientes, ata pechar o ano con 325.800 entre fogares e empresas, aínda que a súa marxe operativa (Ebitda) descendeu un 10%, ata situarse nos 91,5 millóns, segundo informou o seu conselleiro delegado, Arturo Dopico, na presentación do balance económico deste ano.


Do balance económico do operador galego, Dopico destacou o crecemento en clientes, con 101.350 novas liñas en móbil e 34.800 novos clientes de servizos fixos nos últimos 12 meses, de forma que pechará o ano con 254.800 clientes en fogares e 71.000 en empresas.

Ademais, destacou o crecemento dun 47% como operador móbil, cun total de 317.350 liñas ao finalizar este exercicio. Así, os ingresos por servizos móbiles a fogares pasaron de 25,7 millóns en 2012 a 47,6 millóns en 2013. Pola contra, descenderon os ingresos por servizos fixos a fogares, que pasaron de 114,2 millóns o ano pasado a 98,6 millóns en 2013.

Dopico destacou tamén que, na actualidade, 98 municipios galegos poden contratar servizos avanzados por fibra óptica e apuntou que, ao rematar o ano, serán un total de cen. Mentres, sobre a cota de mercado, subliñou que o 56,3% dos seus ingresos proceden da telefonía e Internet.


INCIDENCIA DA BAIXADA DE PREZOS

Estes ingresos situáronse este ano, segundo Dopico, en 242,3 millóns de euros, fronte aos 244,4 millóns de 2012. Ao respecto, o conselleiro delegado de R admitiu o 'impacto relevante' da baixada de prezos' promovido pola compañía no actual contexto económico.

Así, apuntou que supuxo que o resultado operativo (Ebitda) pasase de 102,5 millóns en 2012 a 91,5 millóns no actual exercicio. Con todo, considerou que 'non hai outro camiño' para seguir sendo competitivos', indicou apostar pola política de baixada de prezos e polo crecemento de clientes.

Te puede interesar