Pescanova aumentou o soldo dos seus conselleiros 14,4% en 2011

Pescanova incrementou en 2011 a remuneración total dos seus 13 conselleiros en 14,4% até os 1,89 millóns de euros, o que supón 3,8% do beneficio nese ano da sociedade, que convoca xunta xeral ordinaria de accionistas para o próximo 13 de abril.

Segundo o Informe Anual de Goberno Corporativo de 2011 remitido hoxe á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), o desembolso na retribución fixa dos conselleiros foi de 618.000 euros, a mesma cantidade que no exercicio anterior.

Por retribución variábel, percibiron en 2011 un total de 300.000 euros, uns ingresos que non tiveron nos dous anos precedentes.

O importe total percibido polos conselleiros en concepto de axudas de custo recortouse en 2011 8,7%, até os 513.000 euros, e as atencións estatutarias reducíronse 2,5%, até os 460.000 euros.

Por tipoloxía, os conselleiros executivos elevaron 42,7% a súa retribución, até os 989.000 euros, os externos dominicais reducírona 16,2%, até os 653.000 euros, e os externos independentes aumentárono 39%, até os 249.000 euros.

Pescanova tamén detallou á CNMV que a xunta de accionistas se celebrará no día 13 de abril ás 12.30 horas no domicilio social da compañía en Redondela (Pontevedra), en que se someterán a aprobación as contas anuais e o informe de xestión do grupo do exercicio de 2011.

Na orde do día da xunta de accionistas figuran tamén a distribución do dividendo referente ao pasado exercicio, a reelección ou nomeamento de auditores ás contas do grupo, a ratificación de conselleiros designados por cooptación e a remuneración do consello de administración.

Os accionistas da Pescanova tamén abordarán a autorización para adquirir accións propias, para a emisión de bonos, obrigacións, participacións preferentes ou outros valores de renda fixa, así como a autorización á dirección do grupo para aumentar o seu capital social.

Para poder asistir á xunta xeral, os interesados deberán acreditar cen ou máis títulos da compañía.

Te puede interesar