O índice xeral retrocede de media un 12% en taxa interanual

O prezo da vivenda descende un 13% en Galicia no segundo trimestre

O prezo da vivenda descendeu un 13% en Galicia no segundo trimestre en relación co mesmo período do ano anterior, con caídas similares para a nova ( -12,6%) e para a de segunda man ( -13,6%), segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).
En taxa intertrimestral, o prezo da vivenda galega baixou un 1,8% en canto ao índice xeral, e rexistrou retrocesos do 2,3% e do 1,3% para a vivenda nova e para a de segunda man.

Desta forma, no que vai de ano, o índice xeral do prezo da vivenda acumula unha baixada do 8,7%, o da vivenda nova cae un 8,8% e da usada, un 8,7%.

No primeiro trimestre do ano, na Comunidade galega, o prezo da vivenda diminuíra un 7,1% con respecto ao cuarto trimestre de 2012 e a evolución interanual fora entón do -13,4%.


TAXAS NEGATIVAS EN TODAS AS CC.AA.

Todas as comunidades autónomas rexistraron taxas anuais negativas no segundo trimestre do ano. As rexións que presentaron as caídas máis pronunciadas de prezos foron Extremadura (-15,6%), Murcia (-16,6%) e Navarra (-11,1%), mentres que os menores retrocesos corresponderon a Cantabria (-11,2%), Galicia (-13%) e Madrid (-13,2%).

En valores trimestrais, o prezo da vivenda libre tamén descendeu en todas as comunidades, agás País Vasco (+1,9%) e Madrid (+0,2%).

O IPV que publica Estatística é compatible coas esixencias de Eurostat e complementa o que publica trimestralmente o Ministerio de Fomento. Entre os seus obxectivos atópase o de servir de elemento de comparación entre os Estados membros no referente aos prezos da vivenda.


DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, os prezos da vivenda libre baixaron un 0,8% no segundo trimestre do ano en relación ao trimestre anterior, ao tempo que tamén moderaron a súa caída en taxa interanual cun retroceso do 12%.

En concreto, a caída trimestral do 0,8% supón o retroceso máis suave dende o cuarto trimestre de 2010, despois de que entre xaneiro e marzo o prezo da vivenda baixase un 6,6%, rexistrando así o seu maior descenso trimestral dende 2007, ano no que o INE comezou a elaborar este índice.

En concreto, os prezos da vivenda de segunda man diminuíron un 0,1% en relación ao primeiro trimestre, mentres que os da vivenda nova retrocederon un 2,4%.

En termos interanuais (segundo trimestre de 2013 sobre igual trimestre de 2012), o prezo da vivenda libre moderou tamén o axuste ao baixar un 12%, fronte ao descenso interanual do 14,3% experimentado no primeiro trimestre.

Desta forma, xa son 21 os trimestres consecutivos nos que os prezos da vivenda presentan taxas interanuais negativas. O prezo da vivenda comezou a caer no segundo trimestre de 2008 ( -0,3%) e dende entón a tendencia non se reverteu.

Por tipo de vivenda, o prezo dos pisos novos moderou a súa corrección unha décima, ao retroceder un 12,7% en comparación co segundo trimestre de 2012, mentres que o prezo da vivenda usada caeu un 12,1% en taxa internanual, fronte ao retroceso do 15,3% do trimestre anterior.

Te puede interesar