PSA pide ao centro de Vigo un aforro adicional de 14 millóns e a dirección propón novas medidas a sindicatos

En maio haberá oito días sen actividade e para os seguintes meses prevense paradas e actividade en fins de semana
O grupo PSA Peugeot Citroën solicitou ao centro de Vigo un aforro adicional de 14 millóns de euros para este ano, segundo informou a dirección da planta de Balaídos aos membros do comité de empresa este mércores, nunha reunión na que tamén lles expuxo diversas medidas para conseguilo.

Fontes da empresa explican a Europa Press que, segundo o plan do grupo, a dirección industrial debe realizar un aforro de 200 millóns de euros en 2012 e, nese sentido, a factoría viguesa xa estivo a aplicar medidas orientadas a lograr reducir gastos. Agora, deberá levar a cabo un aforro de 14 millóns de euros.

Para lograr este axuste, a dirección viguesa presentou aos sindicatos con representación no comité de empresa unha serie de medidas en distintos ámbitos e entre as que figura a 'eliminación de horas suplementarias' e a 'redución de gastos xerais'.

Por outra banda, a automobilística concretou os representantes dos traballadores a programación correspondente ao calendario de maio, que inclúe 8 xornadas de non actividade nos dous sistemas. Estes días son o 10,11, 18, 24, 25 e 31 de maio así como o 30 de abril e o 1 de xuño, que tamén están incluídos nese período.

PRODUCIÓN

Ademais, avanzou as previsións para o período xuño-setembro, que inclúen 6 días de non actividade nos dous sistemas no mes de xuño e, tamén nos dous sistemas, outros 5 días en agosto -que sería a cuarta semana de vacacións-.

Non obstante, a pesar destas paradas, tamén se prevén, para o sistema un, días de actividade a maiores: 3 sábados en xullo e outros dous en setembro, así como 7 domingos noite entre xuño e setembro. Para o caso do sistema dous, prevense dous sábados en xullo.

A empresa xustifica esta distribución irregular, con días de parada pero tamén con días de actividade a maiores, por a necesidade de reducir stocks no primeiro semestre do ano -a redución dos stoks é unha das principais medidas de aforro do grupo- e tamén pola necesidade de producir vehículos para cubrir a demanda, pois as perspectivas do segundo semestre son de mellora.

Ademais, a dirección viguesa propuxo ao comité medidas de 'carácter excepcional' para poder compensar os días de non actividade coas xornadas de sábados e domingos noite.

Así, formúlase que os sábados de produción teñan consideración de sábados de compensación, é dicir, que a actividade do sábado se compensa cun descanso equivalente en xornadas de non actividade -cada hora traballada equivale a hora descansada-. Tamén se propón aplicar a distribución irregular de xornada nos contratos a tempo parcial.

A empresa traballará cos sindicatos sobre as propostas ao longo de abril, co obxectivo de poder pechar un acordo a finais de mes. Unha vez aberto o período de consultas, este mércores, a próxima reunión celebrarase o próximo luns.

En canto ao Expediente de Regulación de Emprego (ERE) prevese que se consumirán os días fixados a finais de maio, se ben se ampliou a outros 35 días máis ata final de ano.

SINDICATOS

O SIT indica que 'debido á transcendencia do tema', exporá o seu parecer sobre as medidas propostas unha vez analice a documentación. De igual modo, afirma que tamén proporá as alternativas que considere.

En declaracións a Europa Press, o voceiro do CC.OO. Pedro Comesaña, destacou que a compañía presentou unha redución de custos e que Vigo 'ten que facer todo o posible para estar dentro do presuposto que o grupo pide'.

En canto á produción, recorda que se producen 'oscilacións moi grandes' e indicou que a medida de traballar os sábados se presentou 'con carácter obrigatorio'. Por iso, avogou por que poida existir un 'maior equilibrio' e por que se prime 'a voluntariedade' nos sábados. Finalmente, avanza que o sindicato tamén presentará as alternativas que considere necesarias.

Te puede interesar