Santiago acolle dende este mércores un cumio mundial sobre enerxías renovables e sostenibilidade

Uns 400 especialistas de máis de 40 países reuniranse esta semana, entre os días 28 e 30, en Santiago de Compostela na Conferencia Internacional sobre Enerxías Renovables, que organizan nesta ocasión as Universidades de Santiago e de Vigo.
A décima edición deste encontro, que se desenvolverá no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, traerá a Compostela, segundo indica a USC, a destacadas personalidades científicas de numerosos países, en particular de Medio Oriente, India, Nepal, China, Estados Unidos, América Latina e Brasil, que presentarán máis de 500 relatorios.

A inauguración terá lugar ás 10.00 horas deste mércores nun acto no que participan o reitor da USC, Juan Casares Long; o alcalde compostelano, Gerardo Conde Roa; e a presidenta do comité local do congreso, a profesora da USC Ángeles López Agüera.

A continuación, Carlos de Palacio, de ABB Power Systems, pronunciará unha conferencia sobre solucións para sistemas con alta penetración de enerxía renovable.

O congreso, ademais de numerosas sesións paralelas, inclúe a intervención doutras cinco conferencias plenarias que correrán a cargo de Jian Sun, profesor no NY State Center for Future Energy Systems; Fernando Nuño, do European Copper Institute; Noor E. Alam Ahmed, profesor da Universidade de New South Wales de Australia; e Subhransu Sekhar Dash, do SRM Engineereing College de India.

Te puede interesar