A Xunta comunica a Elnosa que deberá abandonar a Ría de Pontevedra 'como moi tarde' en xaneiro de 2014

Hernández cre que 'sería desexable unha posición máis activa' por parte de Ence para 'definir unha localización alternativa'
A Xunta de Galicia comunicou á factoría Electroquímica do Noroeste (Elnosa) que deberá deixar de operar nas súas instalacións da Ría de Pontevedra 'como moi tarde' en xaneiro de 2014, 'ante as limitacións ambientais da súa tecnoloxía'.

Así o anunciou este venres o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e explicou que a empresa química ten dous anos para buscar unha solución. 'Contará con todo o apoio da Administración autonómica, sempre e cando a alternativa pase por saír da Ría de Pontevedra', aseverou.

'A decisión tomada en relación a Elnosa pon de manifesto a coherencia da actuación do Goberno galego e é unha mensaxe clara de que non haberá marcha atrás neste proceso de desmantelamento do complexo de Lourizán antes de 2018', asegurou Hernández.

A fábrica de cloro que a empresa Elnosa ten no Concello de Pontevedra ten autorización ambiental integrada outorgada mediante resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data 21 de abril de 2008. A vixencia da devandita autorización expira o próximo 31 de decembro de 2011. Así as cousas, o 6 de xaneiro de 2014 será o último día de produción de Elnosa na ría.

Segundo informou o conselleiro, a renovación da autorización ambiental integrada (AAI) emitida polo seu departamento permitirá a Elnosa continuar nas súas instalacións 'ata xaneiro de 2014, pero non poderá ser prorrogada debido a que a tecnoloxía que emprega non é compatible coa normativa europea de límite de emisións que estará operativa a partir do 7 de xaneiro dese ano'.

Os informes realizados pola Xunta determinan que a fábrica 'está a chegar ao límite técnico de redución de emisións de mercurio coa tecnoloxía empregada, o que deriva no incumprimento da normativa ambiental', apuntou.

As circunstancias particulares de Elnosa, que non prevé a substitución da súa tecnoloxía de fabricación mediante celas de mercurio pola tecnoloxía de membrana -que non precisa este metal no proceso produtivo-, implican a necesidade da súa marcha.

ENCE

Pola súa banda, a Ence correspóndelle unha decisión distinta porque, segundo sinalou o conselleiro, son dúas industrias diferentes con realidades diferentes. Á pastera renovóuselle tamén a Autorización Ambiental Integrada pero dous anos máis, ata o 31 de decembro de 2015, que é un prazo similar ao da autorización que agora caduca.

No caso de Ence, ademais hai máis tempo porque o compromiso político de desmantelar completamente o complexo industrial de Lourizán sitúa 'como moi tarde' o ano 2018, subliñou Hernández.

E tamén á pastera o conselleiro lle ofreceu 'tódalas facilidades' para abandonar a súa localización actual, aínda que cuestionou a actitude da dirección.

'Sería desexable unha posición máis activa por parte da empresa á hora de definir unha localización alternativa co obxectivo de que o Goberno galego poida analizala e comezar o traballo necesario para facela realidade', destacou.

Así, 'a Xunta dará a Ence todas as facilidades para abandonar a súa

localización actual en Lourizán e recolocarse na bisbarra de Pontevedra co obxectivo de manter na bisbarra a xeración de riqueza e emprego que representa a planta', remachou o conselleiro.

Te puede interesar