Ana Pontón comprometeu un goberno implicado coa igualdade

636097276345723324w(2)
photo_camera Ana Pontón, candidata del BNG a la Presidencia de la Xunta.

A candidata nacionalista asegura que se goberna o BNG "non se dará nin un só contrato a empresas que discriminen as mulleres"

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, asegurou que se goberna a formación nacionalista "non se dará nin un só contrato ás empresas que discriminen as mulleres", unha das medidas que se enmarcan na prioridade da formación de "reverter os recortes aplicados polo PP" nos fondos destinados a promover a igualdade "real" que "aínda está lonxe".

Pontón participou, ante medio centenar de mulleres, nun acto en Vigo centrado nas políticas de igualdade. Así, enumerou as "desigualdades cotiás que soporta a metade da poboación: máis horas por menos salario, a obriga de asumir o rol de coidadoras a custa dos proxectos persoais, e sobre todo, a desigualdade que supón lácraa do terrorismo machista".

"A desigualdade tamén está neses caciques que, dende as institucións, seguen pensando que teñen dereito de pernada no noso país e seguen á fronte de institucións como o señor Baltar, que é unha vergoña para un país democrático e con igualdade", resaltou Pontón, quen responsabilizou desta situación o candidato á reelección na Xunta, o popular Alberto Núñez Feijóo.

A candidata nacionalista proclamou que o feminismo "continúa sendo un ben tan necesario para a igualdade como sempre e debe empapalo todo", fronte á "ofensiva neomachista".

A candidata nacionalista comprometeu un goberno implicado coa igualdade. "Empezando pola derrogación de todas as normas reaccionarias que se aprobaron polo Goberno de Feijóo, converter a igualdade na clave de bóveda doutro xeito de gobernar e destinar recursos necesarios ás políticas de igualdade", expuxo.

Así mesmo, Ana Pontón garantiu que se goberna "non se vai dedicar nin un só euro a políticas que discriminen a mulleres" e, polo tanto, eliminaranse "concertos con colexios do Opus Dei que segregan nenos e nenas" e "non van facer ningún contrato con ningunha empresa onde haxa discriminación coas mulleres, nin directas nin indirectas".

"Porque sabemos que no ámbito laboral hai moitas ocultacións nas categorías salariais, clasificación de postos de traballo e precísase que as administracións públicas utilicemos os mecanismos e os recursos que temos para non ser cómplices na desigualdade que viven día a día as mulleres", sentenciou.

A avóa Áurea

Durante a súa intervención, Pontón manifestou que, dende a Xunta, se pode "traballar para conseguir máis traballo e de calidade para as mulleres, para conseguir a violencia cero contra as mulleres," así como "poñer todos os mecanismos nos xulgados para que unha non se sinta desamparada cando denuncia, con xulgados específicos para que a vítima non estea a agardar con agresor".

Na loita contra "o terrorismo machista", é "clave" elaborar o estatuto da vítima do feminicidio, crear xulgados específicos de violencia de xénero, unha política activa que facilite a inserción laboral e maximizar todas as medidas de protección e amparo ás mulleres afectadas.

Entre as propostas do BNG, atopan "dignificar o traballo non remunerado que fan as mulleres cuantificando a súa contribución á economía", custo "cero" das cotas da seguridade social para as traballadoras autónomas durante a maternidade, ampliar os permisos de paternidade e facelos "obrigatorios" para que supoñan "unha medida efectiva de conciliación familiar" e revisar os horarios comerciais co mesmo fin.

Neste escenario, Pontón tivo palabras para recordar o exemplo da súa avoa Áurea, a muller que lle mostrou "como, lonxe da mentira que se impoñía, as mulleres traballaban o dobre". "Os tempos cambiaron porque moitas se rebelaron, pero seguimos loitando contra a desigualdade", sentenciou.

Te puede interesar
Más en Elecciones 25-S