Beiras sinala a Luis Villares como referente da dignidade

photo_camera A comitiva de En Marea pasea por Carballiño co templo da Veracruz ao fondo.

O candidato á presidencia da Xunta, Luis Villares, reivindicou "a dignidade e a rebeldía nas institucións"

En Marea elexiu Carballiño para o comezo da campaña electoral, ofrecendo o seu primeiro mitin no anfiteatro da Veracruz, no que participaron o candidato á presidencia da Xunta, Luis Villares; a número un por Ourense, Ánxeles Cuña; o número dous David Rodríguez; o portavoz de Anova, Xosé Manuel Beiras, e Lucía España, de En Marea do Carballiño. 

Luis Villares referiuse a súa etapa como maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, matizando que "era necesario deixar de ocuparme do que era legal ou ilegal e ocuparme por fin do que era xusto e inxusto". Referíndose ao PP, engadiu que "desprotexeron á cidadanía xusto no momento no que tiñan a obriga de ampararnos". Villares defendeu que o proxecto de En Marea "ten que traer a dignidade e a rebeldía as nosas institucións. Somos capaces de tecer lazos de solidaridade cos máis próximos".

Ánxeles Cuña referiuse á perda de profesorado nas escolas rurais, "con pagos de material e libros inasumibles para moitas familias, cun recorte do 55%". A candidata apuntou que "cando falamos de cultura falamos de traballadores e usuarios, falamos de nós, falamos dun dereito universal". Pola súa banda, Beiras atacou a corrupción nas institucións. Sobre Luis Villares, o líder de Anova analizou que é "un maxistrado honesto e incorruptible, que xa loitou pola cidadanía na maxistratura. Un maxistrado que sempre fixo xustiza pensando que está por enriba das leis". Mentres, David Rodríguez reivindicou a súa xestión como rexidor de Manzaneda, poñendo o foco na xeración de emprego.

Te puede interesar
Más en Elecciones 25-S