O Concello de Viveiro retira a Rodrigo Rato o título de fillo adoptivo da localidade

O Concello de Viveiro (Lugo) retirou ao expresidente do Fondo Monetario Internacional (FMI) Rodrigo Rato o titulo de fillo adoptivo da vila mariñana, que ostentaba dende o ano 2000.
O voceiro do BNG e extenente de alcalde ata que os nacionalistas romperon en setembro pasado co goberno do socialista Melchor Roel, Bernardo Fraga, explicou que 'agora o Concello, a través dos organismos pertinentes terá que comunicarlle que está desposuído do titulo'.

A decisión foi adoptada no pleno celebrado o xoves, tras votar a moción que presentaban os nacionalistas, ademais dos seus tres concelleiros, os seis do PSOE, e cos votos en contra dos seis edís do PP e a abstención dos dous independentes.

Bernardo Fraga xustificou a iniciativa porque denotaron 'que transcorrer vital de Rodrigo Rato está totalmente apartado de Viveiro, non ten nada que ver coa cidade', matizou o nacionalista.

Engadiu que o tamén exministro co goberno de José María Aznar é un 'dos rostros da crise'. 'Esta crise económica na que estamos inmersos ten responsables políticos e sociais que foron os que levaron ao Estado español á situación en que se atopa', sostivo.

'Para nós Rodrigo Rato, á fronte do FMI e de Bankia, é un dos rostros da crise e do engano que se produciu a miles de persoas coas participacións preferentes e con políticas dedicadas aos grandes capitais transnacionais. É unha das caras da crise e non queremos que sexa fillo da nosa cidade', concluíu.

Te puede interesar