20D | ELECCIONES GENERALES

O PP avala ao cabeza de lista de Coruña pese a súa imputación

O voceiro parlamentario do PP galego comparece no pazo do Hórreo.
photo_camera O voceiro parlamentario do PP galego comparece no pazo do Hórreo.

Pedro Puy amosou o seu apoio a Miguel Lorenzo a pesares de estar investigado pola súa presunta implicación na Operación Pokémon.

O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, avalou este luns a elección do concelleiro Miguel Lorenzo como número un do seu partido por A Coruña para as eleccións xerais, malia estar investigado por un suposto delito de tráfico de influencias pola xuíza que instrúe a Operación Pokémon, Pilar de Lara.

Preguntado sobre este asunto en rolda de prensa, o dirixente popular resaltou de Miguel Lorenzo que se trata de "un magnífico cabeza de lista", por ser "unha persoa coñecida, traballadora e que comparte as ideas e o programa do PP". Sobre a investigación xudicial, que dixo non coñecer "exactamente", agregou que non toma "en consideración" os asuntos que "non estean confirmados por algún tipo de resolución xudicial".

Deste modo, aludiu, sen referilo explicitamente, a que é o Servizo de Vixilancia Aduaneira o que remitiu á maxistrada un informe no que relaciona o edil coa contratación dunha muller na Ágora.

Cuestionado Puy Fraga sobre a designación de Miguel Lorenzo nun momento en que a corrupción política é o principal problema para os cidadáns, recalcou que o seu partido "sempre" actuou cando tivo "constancia de que un houbo un afastamento das normas", tanto cando se tratou de membros do Goberno galego como do Grupo Parlamentario Popular.

Non obstante, reflexionou sobre a importancia de preservar "o dereito á presunción de inocencia" para evitar construír "unha sociedade na que as decisións públicas ou dos partidos dependan de meros rumores ou informacións non contrastadas, ou minimamente contrastadas" en sede xudicial.

Te puede interesar