CULTURA

17 millóns de euros para continuar coa restauración da Catedral de Santiago

A Xunta avanzou que o texto do convenio para proseguir coa restauración da Catedral de Santiago "xa está pechado"

A Xunta avanzou este mércores que o texto do convenio co Goberno central para proseguir coa restauración da Catedral de Santiago "xa está pechado" e que, previsiblemente, se asinará o próximo mes de setembro. Segundo ese documento, o Estado achegará 17 millóns de euros para as "necesarias" actuacións de conservación do templo compostelano.

Así o indicou o Executivo galego a través dun comunicado despois de que este mesmo mércores o presidente da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, alertase de que as obras "se terían que paralizar" en caso de que o citado convenio non se asinase "antes de mediados de setembro".

Ante iso, o Goberno autonómico aseverou que "se asinará dentro de prazo para evitar calquera tipo de prexuízo con respecto ás obras de coidado e restauración do ben máis señero de Galicia".

Iso si, chamou a atención sobre que a Fundación Catedral aínda debe presentar "os proxectos pendentes de finalización" da Torre Sur, da Peita de Entre Torres e da Fachada de Quintana, sen os cales non é "posible comezar as obras".

"Neste momento, no caso dos dous primeiros, dispoñemos de documentos excesivamente básicos, e estamos pendentes de recibir o correspondente á última actuación", recalcou o departamento que dirixe Román Rodríguez, antes de apuntar que espera que todos os trámites estean concluídos "en setembro".

Te puede interesar