Unos 400 traballadores do sector naval maniféstanse en Santiago para pedir 'carga de traballo' para os estaleiros

Foto: EFE
A CIG evidencia que hai 'alternativas' pero censura o 'pasotismo' das administracións, polo que anuncia outra manifestación o día 24
Uns 400 traballadores do sector naval manifestáronse este martes polas rúas da capital galega, convocados pola CIG, para reclamar 'carga de traballo' para os estaleiros ante a situación 'crítica' que están a atravesar.

Precisamente este foi un dos lemas máis coreados no transcurso dende a Alameda de Santiago ata as dependencias da Xunta, en San Caetano, onde o secretario nacional da CIG-Metal, Xoán Xosé Bouzas, pediu aos poderes públicos 'compromiso' para 'garantir os empregos e o futuro' do sector.

Un sector, ao seu xuízo, 'estratéxico, que se ve abocado á 'desaparición' se non se negocian novas construcións militares ou civís, o que suporá 'máis desemprego e máis miseria industrial'. Polo momento, segundo os seus cálculos, perdéronse 'máis de 15.000 postos de traballo' polo 'desleixo' da Xunta e o Goberno central.

Pola súa banda, en declaracións a Europa Press, o responsable da CIG-Naval, César Rodríguez, demandou á Xunta que poña as pilas', xa que o sector encadea no último ano 'dous ou tres expedientes de regulación de emprego' con carácter suspensivo que poderían desembocar nunha 'avalancha de EREs, neste caso, extintivos' se non se logra carga de traballo. 'E os poucos traballadores que quedamos, practicamente, desaparecerán', advertiu.

Neste escenario, pediu 'unha aposta clara' tanto da Xunta coma do Goberno central para lograr 'unha resolución inmediata' do 'tax lease' -bonificación fiscal que se emprega na construción dalgúns buques- e para crear un organismo 'semellante' a Pymar 'a nivel galego' que funcione como 'un fondo de garantías', tal e como prometera o conselleiro de Industria, Javier Guerra.

'PECHE TOTAL'

Máis contundente mostrouse a continuación Bouzas Aboi, quen, en declaracións aos medios, alertou de que o sector naval galego 'está abocado ao peche total' tras a perda duns 7.000 empregos tanto en Vigo coma en Ferrolterra, o que 'leva consigo perda de poder adquisitivo' nesas bisbarras que afecta tamén a 'outros sectores'.

'Prometéronnos que se ía resolver o problema do naval e, en vez diso, vemos que se está a agravar', denunciou, para criticar o 'silencio' do Ministerio de Industria e o feito de que o conselleiro do ramo 'nin se decata de que vai a historia'. 'Obrígannos á mobilización', subliñou, para recriminar á Xunta que estea a ser 'consentidora' ao aprobar os EREs.

'Se é un sector estratéxico, hai que apostar por el', reflexionou, para instar á Xunta a 'liderar o proceso' para lograr que o 'tax lease' volva alcanzar a bonificación do 30 por cento e que cre un fondo patrimonial de garantías.

Tamén Guillermo López, un dos traballadores do sector que acudiu este martes a Santiago para participar na mobilización, explicou aos medios de comunicación que a situación é 'moi crítica' porque 'a carga de traballo é nula'.

Á vista desta situación, no manifesto que puxo final -xunto co Himno Galego- á mobilización, deixouse claro que 'a CIG seguirá loitando' para conseguir que as distintas administracións públicas 'poñan remedio ao desastre que están a provocar' no sector naval'. Ademais, avanzouse unha nova mobilización o 24 de outubro.

ALTERNATIVAS

Entre proclamas de 'Conselleiro, solución; que non quede no caixón' na explanada exterior da Xunta, Bouzas Aboi deu lectura a un manifesto no que o sindicato nacionalista censura 'o pasotismo total' das administracións e esíxelle 'unha política comercial de acordo coa normativa estatal e comunitaria máis agresiva á hora de negociar novas contratacións' e 'unha maior implicación política' nos contratos con 'armadores ou navieiras' para reparacións.

Igualmente, demanda a creación de centros de reparación en Vigo e Ferrol, a construción dun dique flotante na cidade departamental e a esixencia do levantamento do veto a Navantia, en Fene. Tamén reclama 'políticas de apoio' para que as empresas acometan 'melloras de xestión e tecnolóxicas', xunto coa posta en marcha dun fondo patrimonial de garantías a nivel galego.

'Hai alternativas, só fai falta vontade política e valentía para poñelas en marcha', reivindicou o sindicalista, despois de escoitar cánticos de 'Solución para o naval' e 'Queremos traballar e non mendigar'.

'TRABALLAR CON FIRMEZA'

Neste extremo coincidiu a deputada do BNG no Congreso Olaia Fernández Davila, quen participou na mobilización xunto con varios deputados autonómicos da súa formación. Defendeu, en declaracións aos medios, que a Xunta e o Goberno central 'teñen que traballar con firmeza' ante a Unión Europea para lograr que o sector naval galego 'poida activar a súa economía e, polo tanto, crear emprego'.

'Teñen que poñerse ao servizo da sociedade e non do Banco Central e dos sectores financeiros especulativos', incidiu, convencida de que 'apoiar ao sector naval é apoiar o emprego' nun momento en que os datos do paro son 'alarmantes'.

Te puede interesar