Activo un incendio en Chandrexa de Queixa (Ourense) e outro en Arbo (Pontevedra)

Dous incendios forestais permanecen activos nos municipios ourensano de Chandrexa de Queixa e no pontevedrés de Arbo, mentres que están controlados outros en Vilariño de Conso, Manzaneda, San Cristovo de Cea, Rubiá e Dozón.
Segundo informou a Consellería de Medio Rural, permanece activo un incendio na parroquia de Queixa, en Chandrexa de Queixa, que comezou ás 00.20 horas deste xoves. As valoracións provisionais sitúan a superficie afectada en máis de 20 hectáreas.

Nas tarefas de extinción deste lume están a traballar dúas axentes forestais, tres brigadas, un helicóptero e catro avións, segundo concretou Medio Rural.

Ademais, está activo outro incendio na parroquia de Cequeliños, no municipio de Arbo, que comezou ás 20.57 horas do mércores. Na súa extinción traballan dous técnicos, tres axentes forestais, 16 brigadas, sete motobombas, dúas pas, dous helicópteros e seis avións.

Por outra banda, foron controlados os incendios rexistrados na madrugada deste xoves nos municipios ourensanos de Vilariño de Conso e Manzaneda, así como os rexistrados en San Cristovo de Cea, Rubiá e Dozón.

O incendio rexistrado na parroquia de Castiñeira, en Vilariño de Conso, comezou ás 8.00 horas deste xoves e quedou controlado ás 11.13 horas. Segundo as primeiras estimacións provisionais, a superficie afectada supera as 20 hectáreas.

Tamén de madrugada comezou outro lume na parroquia de Cernado, en Manzaneda, que quedou controlado ás 10.43 horas deste xoves. A superficie afectada sitúase por enriba das 20 hectáreas.

OUTROS CONTROLADOS

Medio Rural explicou que seguen controlados os incendios rexistrados nos municipios ourensanos de San Cristovo de Cea e Rubiá e no pontevedrés de Dozón.

En concreto, en Dozón, na parroquia de Maceiras, o incendio comezou ás 15.39 horas do mércores e deuse por controlado á 1.56 horas deste xoves. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é de 60 hectáreas, das que 15 son arboladas e 45 rasas.

As lapas iniciáronse en Rubiá, na parroquia de O Porto, ás 20.17 horas do mércores e quedaron controladas ás 10.00 horas deste xoves, tras arrasar unhas 20 hectáreas, segundo unha valoración provisional.

Tamén permanece baixo control o lume da parroquia de Oseira, no municipio ourensano de San Cristovo de Cea, onde se declarou ás 14.51 horas do martes e quedou controlado ás 7.17 horas do mércores. A superficie afectada ascende a unhas 156 hectáreas, das que 50 son arboladas e 106 rasas, segundo a última información que achega Medio Rural.

Está extinguido, dende as 22.04 horas do mércores, o incendio que comezou á 1.00 horas do mesmo día na parroquia de Padrende, no concello homónimo. Segundo as estimacións facilitadas, afectou a 58 hectáreas: oito arboladas e 50 rasas.

Te puede interesar